O BNG quer que o novo goberno español autorice unha tarifa eléctrica para Galiza

Esta tarifa permitiría recudir en 15% do custo da factura da luz aproveitando que o país é expeortador neto de enerxía.

bng xornadas enerxia muras
photo_camera Inauguración das Xornadas da Enerxía en Muras. Imaxe: BNG

O BNG propón aproveitar o cambio no goberno do Estado para negociar co novo executivo socialista unha tarifa eléctrica propia para Galiza, unha medida que segundo os nacionalistas “permitiría ás familias e empresas deste país reducir en 15% o custe da factura da luz, aproveitando que Galiza é exportadora neta de enerxía”. Unha medida que non é imposíbel nin utópica, sosteñen desde o BNG, pois o anterior goberno español si que negociou con Euskadi ventaxes tarifarias na electricidade para ese territorio.

A portavoz nacionalista, Ana Pontón, explicou este sábado en Muras, no marco dunhas xornadas sobre enerxía organizadas polo Bloque, que esta é unha das demandas da “axenda de país” que o BNG quer impulsar desde o Parlamento para a súa defensa ante o Estado.

“Hai un novo escenario político e temos que traballar para que tamén signifique un cambio no papel de Galiza no Estado, ata agora desaparecida debido a un presidente da Xunta sometido aos intereses do PP e a uns cargos electos que defenden os intereses das direccións dos seus partidos en Madrid pero non os deste país”, salientou Pontón.

Muras acolleu este sábado a Xornada de Enerxía organizada polo BNG. A elección deste municipio que non é casual: o goberno municipal que lidera o alcalde nacionalista, Manuel Requeixo, desina os ingresos dos muíños eólicos do municipio a abaratar a factura da luz á veciñanza. A través da bonificación do consumo doméstico, a luz é gratis para a maior parte da veciñanza polo seu nivel de ingresos.

Camiñar cara un modelo sustentable, promover o autocosumo como alternativa ao monopolio das grandes eléctricas, rescate dos saltos e centrais hidráulicas a medida que caduquen as concesión, -moitas outorgadas durante o Franquismo-, ou a creación dunha empresa pública galega no sector foron algunhas das cuestións que Pontón puxo sobre a  mesa como debate.

Comentarios