Alertan dun "boom" nas plantacións de eucalipto e piden solucións

Até a partir do mes de maio non está previsto que se active a moratoria da Xunta que impedirá plantar eucalipto onde non estivese plantando con anterioridade. O BNG alerta no Parlamento de que está habendo un “boom” na plantación desta especie para que, cando entre en vigor a moratoria, se plante en terreos onde até hai unhas semanas non había eucalipto e así que non lle afecte a moratoria. Ao conselleiro de Medio Rural, porén, “non lle consta” que se estea a producir este efecto chamada.

O BNG denuncia a “conivencia" do Goberno galego coa plantación de eucaliptos (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O BNG denuncia a “conivencia" do Goberno galego coa plantación de eucaliptos (Foto: Xunta da Galiza)

O conselleiro de Medio Rural, José González, asegurou que "non hai evidencias tanxíbeis" de que se estea producindo un "efecto chamada" na plantación de eucaliptos en superficies onde non os había antes debido á moratoria anunciada pola Xunta da Galiza e que non está prevista que se active até maio. Con ela impedirase plantar eucalipto alí onde non o houbese con anterioridade.

En resposta a unha interpelación sobre este asunto formulada pola deputada do BNG María González Albert, o conselleiro precisou que, en todo caso, a tempada de primavera é a "época ordinaria para realizar plantacións" e que, por tanto, ve "evidente que estas se produzan" nestes momentos. O conselleiro precisou que a medida é unha regulación temporal que, unha vez que entre en vigor, adopta un control, primeiro, na prohibición de novas plantacións e, en segundo termo, na permisión de replantacións só naqueles terreos nos que xa había esta especie cumprindo a legalidade vixente.

Enfronte, a deputada do BNG María González Albert alertou dunha "situación de boom" de plantacións de eucaliptos, unha problemática “ante a que ningún representante político da Xunta saíu ao paso para avanzar medidas de solución".

"Se non lle consta, búsquese outro traballo, como non lle vai constar, cónstalle pero miran para outro lado", asegurou a parlamentar nacionalista, que denunciou "conivencia" do Goberno galego con este tipo de plantacións.

O conselleiro aseverou que o eucalipto permite que máis de 80.000 familias poidan ter ingresos e advertiu que os seguirán tendo, uns 200 millóns de euros de ingresos cada ano, remarcou. Estas políticas, engadiu, sosteñen o Plan Forestal da Galiza, que definiu como “unha iniciativa que ten o máximo consenso”, pese a que o movemento ecoloxista, entidades agrarias e sindicatos fixeron forte oposición a este plan da Xunta.

Comentarios