BNG e PSdeG agardan unha "actuación inmediata" da Xustiza ante os audios nos que Xácome fala de diñeiro "en B"

O alcalde de Ourense admite nunhas gravacións xestionar “diñeiro en B” para financiar a súa campaña electoral.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, nun pleno do Concello. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, nun pleno do Concello. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O BNG e o PSdeG de Ourense mostraron a súa confianza nunha "actuación inmediata" por parte da xustiza para investigar o alcalde ourensán, Gonzalo Pérez Xácome, despois da revelación duns audios publicados esta segunda feira nos que o rexedor fala de diñeiro "en B".

Así o demandaron tanto o portavoz municipal e candidato á Alcaldía polos nacionalistas, Luís Seara, como o aspirante socialista e exrexedor de Ourense, Paco Rodríguez, en cadansúa  comparecencia os medios.

Nas gravacións publicadas polo diario La Región, o alcalde e un interlocutor falan do diñeiro para a campaña electoral. Escóitase o interlocutor preguntar ao alcalde polos “de Urbaser", anterior concesionaria do servizo de lixo da que se deduce na gravación que non tiveron noticias. "Pois vou chamar ao outro", di o alcalde antes de que se escoiten os asubíos dunha chamada que dan paso a unha breve conversación. Nela, o rexedor pídelle á persoa do outro lado da liña que se pase por alí, para o que acordan unha hora.

Tras isto, o alcalde e o seu interlocutor manteñen un diálogo no que Pérez Xácome di: "Estamos a facer para a campaña. A lei permite financiar un máximo de 50.000 euros, a nós con esta cantidade chéganos" e que remata cun "oficial ou B non?". O interlocutor móstrase preocupado e consúltalle "como vai facer" porque "tanto diñeiro en B" "como o vas branquear para poder gastar na campaña". "Con doazóns da xente, doullo. Eu diso todo, a nivel fiscal, controlo, eu non son tan chapuzas", censura o alcalde.

BNG: "Situación moi seria"

O aspirante nacionalista á Alcaldía, Luís Seara, lembrou que o pasado sábado o diario ourensán publicou outras conversacións do alcalde nas que pedía a traballadores do Concello "que cometesen un presunto delito para evadir a súa responsabilidade cunha multa de velocidade" percibida en Vigo o pasado mes de setembro. Seara sostivo que, con isto, "é suficiente para que Xácome tivese que dimitir inmediatamente", á vez que subliñou a "profunda dor" de que sexa alcalde "porque o PP colocouno e despois negouse a sacalo" da Alcaldía. "Puxeron a alguén que á vista dos feitos está a ser letal", insistiu. 

"Pedímoslle á xustiza que actúe de modo urxente para evitar a posible destrución de probas, pero unha cousa é a Xustiza e outra ben distinta a Política e este é o momento da Política", proclamou Seara, que advertiu que Ourense vive unha "emerxencia social" provocada por "un alcalde faltón, intolerante e tirano" que "pide mordidas", e un presidente da Deputación, Manuel Baltar, que "dirixe a institución coma se fose a súa leira particular".

Por todo iso, para o nacionalista "queda evidenciado" a necesidade de rexenerar a política ourensá, de "pasar páxina de corenta anos de clientelismo e catro anos de dexeneración política e institucional no concello". Deste xeito, referiuse ao 28 de maio como "a oportunidade de abrir unha xanela de esperanza e futuro". Ademais asegurou que o departamento xurídico da formación está a estudar ampliar a denuncia interposta o pasado sábado "se é necesario", aínda que entende que en vista dos acontecementos a Xustiza actuará de oficio.

O PSdeG tamén espera á Xustiza

Pola súa banda, os socialistas ourensáns tamén esperan que a Xustiza investigue o alcalde, cuxas gravacións son, para Rodríguez, unha mostra da "impunidade" coa que, di, senten tanto Xácome como Baltar.

Así, opinou que "ninguén cre" que o alcalde "estaba a traballar a fin de semana en Vigo" nin que "o presidente da deputación ía cumprir coa súa axenda a Madrid".

Agora Ourense

A formación Agora Ourense tamén manifestou a súa desconformidade cos audios coñecidos. O candidato á alcaldía, Toño Naval, pediu que Pérez Xácome "abandone a Alcaldía inmediatamente", sinalando que "representa o peor da política de sempre: a corrupción e as mordidas".

Comentarios