O BNG propón mudar as contas da Xunta para destinar 223 millóns máis á atención primaria

Isto non vai de enviar cartas a Madrid, senón de incrementar os recursos públicos destinados á sanidade. Iso é o que argumenta Ana Pontón, quen esta segunda feira presentou unha proposición de lei para inxectar 223 millóns de euros á atención primaria.

Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón

A iniciativa de Feixoo, o envío dunha carta ao Ministerio de Facenda para conseguir un permiso que permita utilizar o superávit das contas públicas na mellora do financiamento da sanidade galega, non convence a líder do Bloque.

"Os graves problemas da sanidade pública non se solucionan con mentiras, propaganda electoral nin con cartas", afirmou esta segunda feira Pontón en conferencia de prensa. "Cunha carta non se pode agochar que hai unha folga convocada en atención primaria", engade a portavoz nacional do BNG, quen afea Feixóo que propoña agora medidas com a supresión da taxa de reposición cando, porén, as as apoiaba durante o goberno de Raxoi.

A clave non está en pedir permiso a Madrid, senón en actuar sobre as propias competencias. E nese sentido, e en relación aos contactos da Xunta co goberno vasco coa axenda sanitaria sobre a mesa, Pontón suxírelle a Feixóo que tire leccións de como se financia Euskadi, en alusión directa ao concerto económico de que goza a comunidade autónoma vasca.

Cos 223 millóns de euros que o BNG propón inxectar no sistema público de saúde poderíanse reducir as listas de espera, combater a masificación das consultas e incrementar o cadro de persoal. Para o BNG, a oferta de novas prazas feita pola Xunta é insuficiente. A formación nacionalista pide que se cubran as vacantes, que estima en 6.067, actualmente existentes no Sergas.

A iniciativa do BNG vaise substanciar nunha proposición de lei para emendar os orzamentos de 2019. De acordo cos dados manexados pola organización frentista, a atención primaria galega acumula unha tesourada de 2.000 millóns de euros na última década.

Comentarios