BNG pide obxectividade nas axudas da Deputación de Ourense aos concellos para acabar co “clientelismo”

Pide un aumento das achegas da institución provincial aos municipios, na liña da porcentaxe que se destina nas outras deputacións galegas, e que se introduzan criterios de reparto obxectivos, como marca a propia Fegamp.

BNG ourense
photo_camera Un momento da reunión nacionalista

Acabar coa discrecionalidade nas axudas e subvencións da Deputación de Ourense aos concellos, fixar criterios obxectivos para regular esas axudas e que haxa un aumento nestas achegas económica da institución provincial aos municipios para situarse no nivel no que se moven as outras tres deputacións galegas. Estas son as tres peticións que saen da xuntanza do grupo provincial do BNG de Ourense coas alcaldías e co-gobernos nacionalistas na provincia.

O BNG trasladará a proposta dun Plan Único que estea dotado con 30 millóns de euros e que os repartos de fondos de cooperación da Deputación se faga en base aos criterios marcados pola Fegamp: poboación, superficie, índice de avellentamento e dispersión. Criterios e baremos obxectivos para evitar o reparto clientelar e discrecional que, denuncian os nacionalistas, fai a entidade presidida por Baltar.

A Deputación de Ourense destina a fondos de cooperación menos de 10% do seu orzamento, unha porcentaxe moi inferior ao das institucións provincias da Coruña, que reparte 41%, Lugo, 25%, ou Pontevedra, con 27 por cento.

Como exemplo da situación actual puxeron Allariz, municipio que recibe da Deputación menos de 70.000 euros. Concellos galegos con características semellantes a este concello reciben cantidades moi superiores. E de se aplicar os criterios de reparto obxectivos marcados pola Fegamp, tería que recibir por volta de 480.000 euros.

Comentarios