Sesión de control a Feijóo

BNG propón crear unha comisión no Parlamento sobre o concerto económico

Ana Pontón reitera que ese modelo de financiamento achegaría a Galiza máis recursos, uns 3.500 millóns de euros, mentres que Feijóo acusa o BNG de “botar contas” de independentistas. En Marea preguntou polo desvío de fondos do ticket eléctrico a outras partes e o PSdeG instou o goberno a mudar as poíticas para a mocidade por non servir.

ana ponton parlamento

O modelo de financiamento volveu estar no debate parlamentar, desta volta da man da sesión de control ao presidente da Xunta. A defensa dun concerto económico que permite a Galiza unha total autonomía financeira volveu ser defendida polo BNG. A súa portavoz Ana Pontón, volveu reiterar que con este modelo disporía duns 3.500 millóns de euros máis, cifra que permitiría, dixo, reforzar os servizos públicos. Non convenceu o presidente, que considera que o BNG “lémbrame as contas que botan os independentistas” e dixo que o concerto económico é unha proposta que ninguén máis partilla na Cámara galega. Núñez Feijóo, ademais, negou que Galiza saíse beneficiada con ese modelo, apontando que o noso país mesmo perdería cartos.

Foi entón cando Pontón propuxo facer unha comisión no Parlamento para abordar a cuestión do concerto. “Euskadi teno, Catalunya quere un, mais vostede quere un sistema que prive Galiza de 3.500 millóns de euros”. Algo que evidencia, dixo a portavoz nacionalista, que Feijóo “non confía na potencialidade de Galiza”. Ana Pontón tamén lamentou que o mandatario non actuase para defender que Galiza, produtora e excedentaria de enerxía, se beneficiase diso. “Só un concello galego, como Caldas, produce máis que todo Madrid”, dixo, ao tempo que criticou que a ILP por unha tarifa eléctrica galega, presentada pola CIG e admitida hai un ano, continúe paralizada.

“Vai frío en Monte Pío?”

“Vai frío en Monte Pío?” preguntou o portavoz de En Marea a Feijóo, lembrándolle a seguir que en miles de fogares galegos “si vai”. E que nesa situación tan preocupante, dixo, a Xunta optou por reducir as axudas para ‘ticket eléctrico’ en máis de 1.300.000 euros. Luis Villares cargou contra o goberno galego por “desviar” fondos para o ticket a outro tipo de partidas, como a de iluminación da Cidade Cultura. Unha práctica que tamén realizou con fondos para axuda ao acceso á vivenda e que foron finalmente, afirmou, a outras cuestións, como pagar o IBI de edificios da Xunta. “Á súa política social é de cartón pedra, falsa”, denunciou Villares. E denunciou outro desvío máis: o de fondos para demografía a pagar un despedimento nulo.

Feijóo, que dixo que naceu e viviu até os 14 anos nunha vivenda sen calefacción, afirmou que desde 2014 axudaron con ese ticket eléctrico a 6.000 familias. “Todos os que pediron a axuda, concedéuselle”, afirmou. Por iso, argumentou, os cartos que ficaron sen usar destináronse a outras partidas.

Mocidade

“Galiza é a autonomía de onde menos mozos  marchan”, respondeu Núñez Feijóo ao PSdeG cando os socialistas lle criticaron a ineficiencia das súas políticas para a mocidade. Cando máis mozos emigraron, proseguiu, foi en 2007, anos de goberno do ‘bipartito’. O portavoz socialista, Fernández Leiceaga, lamentou os problemas que sofren os mozos e mozas en Galiza, tanto laborais como de acceso á vivenda e denunciou a emigración xuvenil.

Comentarios