O BNG propón unha comisión de investigación no Parlamento sobre o sinistro no Marisquiño

Ana Pontón critica o “espectáculo partidista de PP e PSOE” e reclama que  Feixóo compareza na Deputación permanente para dar explicacións das responsabilidades no accidente  

Dársena do Paseo das Avenidas após o accidente (Foto: arquivo 112).

O BNG remitiu unha solicitude ás forzas da oposición (En Marea e PSdeG) para crear no Parlamento de Galiza unha comisión de investigación “que esclareza as causas do accidente no Marisquiño e depurar responsabilidades”. Ademais, os nacionalistas reclaman unha convocatoria urxente da Deputacións permanente na Cámara galega na que o presidente da Xunta dea explicacións do acontecido no Marisquiño.

A portavoz nacionalista, Ana Pontón, cualificou de  “lamentable, penoso e unha falta de respecto ás vítimas” o “espectáculo partidista” que dende hai unha semana están a dar o Partido popular e PSOE para ir “botando balóns fora” en canto a responsabilidades neste sinistro, que deixou máis de 400 persoas feridas. Lembrou a portavoz que tanto Concello como Autoridade Portuaria son responsables da xestión dese espazo, responsabilidade que estendeu á Xunta.

Pola súa parte, o deputado do BNG, Luís Bará asegurou que hai  “un colapso” nas institucións que non aceptan as súas responsabilidades e seguen “mirando para outro lado”. PP e PSOE, dixo, están inmersos en “intereses partidistas” e non en dilucidar responsabilidades e sentar as bases para que este tipo de sucesos non acontezan.

Comentarios