Carme da Silva será a senadora do BNG por designación autonómica; José Manuel Rei Varela e Manuel Baltar, os do PP

Nacionalistas e populares elixen os representantes que lles corresponden por mandato parlamentario para o Senado.
Carme da Silva foi deputada no Parlamento e é edila en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carme da Silva foi deputada no Parlamento e é edila en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

O BNG propuxo á que fora cabeza de lista ao Congreso pola circunscrición de Pontevedra, Carme da Silva, como senadora por designación do Parlamento galego, unha representación que lle corresponde á formación nacionalista ao abeiro do resultado das eleccións galegas do 2020, nas que o Bloque tornou na segunda forza con 19 escanos. Os nacionalistas galegos informaron da elección de Da Silva perante un comunicado remitido aos medios na xornada na que finaliza o prazo para a remisión á Cámara das propostas, tendo en conta que esta sexta feira terá lugar o pleno no que se aprobarán os tres senadores que representarán Galiza por designación autonómica —dous do PP e un do BNG—.

Carme da Silva foi deputada entre 2005 e 2009 e tamén exerceu como deputada en 2012 durante a oitava lexislatura. Tamén é concelleira no Goberno local de Pontevedra, onde na actualidade é a responsábel da Concellaría de Planificación Territorial. Ademais, é a responsábel da área de Política Municipal dentro do a Executiva do BNG e foi a coordinadora de campaña nas pasadas eleccións locais do 28 de maio, nas que o Bloque destaca que incrementou a súa representación en 132 concelleiros e pasou a liderar o Goberno en 39 concellos.

O BNG destacou que con Carme da Silva como senadora completa a súa representación en Madrid, despois de que nas pasadas eleccións do 23 de xullo volvesen obter un escano no Congreso pola Coruña, que volverá ocupar Néstor Rego. Con esta decisión, a formación que lidera Ana Pontón sinala que aposta por unha muller de longa traxectoria política, con moita experiencia tanto no ámbito institucional como de xestión, unha voz "forte e solvente" para visibilizar Galiza na Cámara alta.

A que será designada senadora no pleno desta semana agradeceu ao BNG a confianza depositada para asumir esta responsabilidade que ostentará co "máximo compromiso e coa intención de dar o mellor" de si mesma para "facer valer os intereses dos galegos e das galegas en Madrid, neste caso desde o Senado". "No BNG somos conscientes de que é unha Cámara con moitas limitacións, pero imos espremer ao máximo as posibilidades que nos dá o Senado para defender aqueles asuntos que máis lle interesan á Galiza, en todos os ámbitos: nas infraestruturas, no económico e no social", sinala.

Da Silva apuntou que será un escano de senadora "ao servizo dos galegos e das galegas. "Para que se me entenda, vou facer xusto o contrario do que fixo o señor [Alberto Núñez] Feixoo, que era senador pola Galiza pero nunca presentou ningunha proposta ou iniciativa en defensa deste país", apuntou.

Rei Varela e Baltar, polo PP

A pasada segunda feira o grupo popular revelou que as súas opcións para optar ao Senado en representación da Galiza serán o ex presidente da Deputación de Ourense e líder provincial do PP, Manuel Baltar, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rei Varela.

A proposta de Baltar chega despois de que dese un paso ao carón ao renunciar a seguir á fronte da Deputación co fin de facilitar que os populares puidesen conservala —en favor de Luís Menor, que tamén será senador—, segundo afirmou el mesmo, após unha campaña municipal marcada polo seu exceso de velocidade e outras polémicas.

En canto a Rei Varela, o ex conselleiro logrou recuperar a Alcaldía de Ferrol, na que xa estivo no seu día, con maioría absoluta. Ambos os dirixentes sumaranse aos outros doce senadores populares elixidos as urnas o pasado domingo.

Comentarios