O BNG promete diálogo desde os dereitos nacionais no Congreso

O Bloque Nacionalista Galego comprometeuse a traballar polo «desbloqueo da axenda galega» no Congreso das e dos Deputados, institución na que o seu escano «marcará un antes e un despois» despois de «anos de ninguneo constante a Galiza», segundo Ana Pontón, quen asistiu na terza feira, canda o deputado Néstor Rego, á sesión de constitución da Cámara baixa. 
Nestor Rego, deputado do BNG no Congreso.
photo_camera Néstor Rego, esta terza feira no Congreso en Madrid. Abaixo, Ana Pontón, na tribuna de convidados do hemiciclo. (BNG)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado no Congreso, Nestor Rego, destacaron esta terza feira en Madrid que a presenza do BNG na Cámara baixa supón un punto de inflexión que porá fin á discriminación do Estado con Galiza dos últimos anos.

En declaracións aos medios, Pontón asegurou que arrinca unha lexislatura “moi ilusionante para Galiza”. “Despois de catro anos volvemos ter voz da man do BNG”, celebrou a nacionalista, que lamentou as “varias lexislaturas nas que Galiza estivo excluída dos debates, dos investimentos e da planificación”. “Iso supón unha discriminación moi grave para o noso país”, apuntou.

Por tanto, considerou que a xornada desta terza marca un punto de inflexión no que “o escano do BNG se converte no escano de Galicia”. Así, mostrou o compromiso da súa formación a traballar polo “desbloqueo da axenda galega” despois de anos nos que os problemas de Galiza “foron ignorados”. Neste sentido, entre outras cuestións, considerou necesario “solucións” á crise industrial das electrointensivas, aos problemas das infraestruturas galegas, á falta de saneamento das rías e á necesidade de modernización do ferrocarril.

Rego tomou posesión cun exemplar do 'Sempre en Galiza' na man e a fórmula  “Comprométome a defender Galiza, a democracia e a soberanía. E por imperativo legal, prometo”

A xefa de filas do BNG tamén destacou que, nun escenario sen maiorías absolutas, “o diálogo será moi importante”. “Hai unha Cámara na que o peso do nacionalismo é cada vez maior e iso o que está a pór de manifesto é que hai unhas reivindicacións que o Estado non pode ignorar”, apuntou.

2 WEB .ANA PONTON TRIBUNA CONGRESOLiberdade, democracia e nación

“Desde Galiza queremos contribuír a que haxa un diálogo que realmente signifique unha defensa da liberdade, dos dereitos, da democracia e de Galiza como unha nación”, indicou Pontón. E é que, segundo apuntou, é necesario “recoñecer que hai un estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe e que non se pode seguir pechando os ollos a esa realidade”, concluíu.

Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanzou que o Bloque manterá unha “actitude construtiva” na Cámara baixa pero “firme na defensa dos intereses da Galiza, dos dereitos sociais e de vos dereitos nacionais” do pobo galego. 

Ademais, indicou que a primeira iniciativa que os nacionalistas galegos presentarán será en relación ao encallamento do Blue Star na costa de Ares (A Coruña). “Un accidente que nos lembrou a indefensión das nosas costas”, asegurou Rego, que adiantou que pedirá a transferencia a Galiza das competencias de Salvamento Marítimo.

Anos de esquecemento

Para Rego, o arranque desta lexislatura ten unha diferencia fundamental, “porque coa presenza do BNG Galiza vai estar presente en todos os debates políticos desta cámara coa vontade de que todos os problemas do país atopen solución. Levamos moito tempo esperando, tras anos de esquecemento por parte do Estado e é hora de que isto mude”, recalcou.

O deputado do BNG optou pola abstención na votación para a elección da presidencia da Cámara baixa, e lembrou a Castelao na súa papeleta.

Comentarios