O BNG di que a Xunta creou coa Lei de Augas un novo imposto, "o imposto á choiva"

Luís Bará di que hai un "sablazo fiscal" por parte da Xunta aos concellos. "Un incremento de 12 millóns de euros que terán que asumilo os concellos que verten ás citadas EDAR e repercutilo sobre as persoas contribuíntes", sinala o deputado nacionalista
Luís Bará no parlamento galego. (Foto: BNG)
photo_camera Luís Bará no parlamento galego. (Foto: BNG)

O BNG solicitou esta terza feira unha "moratoria" na aplicación dos gravames que teñen que pagar concellos galegos após a aprobación hai dous anos da nova Lei da Auga. "

38 concellos que verten as augas ás 28 depuradoras que xestiona Augas da Galiza viron incrementadas de maneira excesiva a facturación de Augas como consecuencia da aplicación do canon de xestión de depuradoras e do canon de colectores", sinalou o deputado nacionalista Luís Bará.

"Un incremento de 12 millóns de euros que terán que asumilo os concellos que verten ás citadas EDAR e repercutilo sobre as persoas contribuíntes", denunciou o BNG. Para Bará, "un sablazo fiscal aos concellos nun contexto de crise".

Nos últimos meses os concellos afectados xa recibiron a notificación dos novos gravames con incrementos considerábeis, afirma a proposta defendida polos nacionalistas.

"Chama especialmente a atención que a Xunta aplique o canon de xestión da rede de colectores -que basicamente consiste en gravar a auga da chuvia- sen ter en conta a precariedade das redes municipais e a necesidade de levar a cabo contiosos investimentos para melloralas. Investimentos que non están en condicións de levar a cabo os concellos sen apoio doutras administracións e sen unha planificación temporal mínima". Por iso, Bará acusou o PP de "crear un novo imposto, o imposto á choiva". 

Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG) afirmou que a súa formación xa advertira no debate desta lei "das repercusións económicas que ía traer pero á Xunta só lle interesa recadar" Pola súa parte, José Manuel Balseiro (PP) acusou o BNG de "atacar todo o que fai a Xunta" para a seguir atacar o pacto asinado entre o BNG e o PSOE para a investidura de Pedro Sánchez. A proposición de lei votarase esta cuarta feira

Comentarios