BNG pide unha auditoría do novo plan de transporte e denuncia “tratos de favor”

Os deputados nacionalistas Luís Bará e Noas Presas critican  un plan marcado “pola improvisación  e falta de diálogo cos diferentes axente relacionados” e advirten que os problemas vividos nestes días coa súa posta en andamento poden ir a máis co inicio do curso escolar.

Noa Presas e Luís Bará rolda de prensa transporte público
photo_camera Noa Presas e Luís Bará

O novo plan de transporte público por estrada elaborado pola Xunta é para o BNG unha “chapuza técnica”. Así o cualifican os deputados Luís Bará e Noas Presas, que compareceron esta segunda feira para advertir que os problemas que se viviron nestes días poden ser “o preludio do caos” que se producirá no mes de setembro co comezo do curso escolar.

Bará dixo que o novo plan caracterízase “pola improvisación  e falta de diálogo cos diferentes axente relacionados cos concellos” o que se plasmou, denunciou, en contratos licitados con carencias e erros. Para o parlamentar nacionalista o motivo disto é a “existencia de intereses ocultos e de beneficiar a grandes empresas”, as únicas con posibilidades de presentarse aos contratos mesmo en forma de UTEs. Ademais, lembrou que “non se fixeron públicos os contratos, as adxudicacións nin as baremacións.

Os contratos coas novas empresas de transporte foron asinados apenas dous días antes de en vigor as novas liñas, creando non poucos problemas. Denunciou que as empresas licitaron  novos contratos “a baixa” impedindo a subrogación dos traballadores e traballadoras.

Presas afirmou que as condicións demográficas de Lugo e Ourense están a crear graves problemas de mobilidade, sobre todo cando serán as propias empresas as que fixen os servizos e horarios. A parlamentaria  recalcou que o BNG pedirá “unha auditoría dos criterios utilizados para as novas concesións” porque é “un  disparate” que unha persoa que acuda dende Trives  ao hospital de Valdeorras deba saír  as 7 da mañá e retornar  as 7 da tarde, “12 horas despois”. Os criterios “non foron racionais nin atenden ás necesidades das persoas usuarias”.

Comentarios