O BNG pide ao Goberno español a gratuidade dos números de emerxencias: 091, 092, 062, 080 e 061 e do 060

“Cremos necesario que o Ministerio leve a cabo unha revisión do Plan Estatal de Numeración para que estes números de interese social non impliquen un custo na factura telefónica das persoas que os utilizan”, afirma Néstor Rego.
Néstor Rego no Congreso (Foto: Nós Diario).
photo_camera Néstor Rego no Congreso (Foto: Nós Diario).

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, presentou unha proposición non de lei e unha pregunta parlamentar para demandar o Ministerio de Asuntos Económicos que estabeleza a gratuidade dos números que atenden emerxencias ou prestan un servizo público na Administración xeral do Estado para que non teñan custo nas facturas de teléfono.

Refírese Rego aos números telefónicos de interese social do ámbito das emerxencias como o 062 da Garda Civil, o 091 da Policía, o 092 da Policía Local, o 080 de Bombeiros Local ou o 061 de Emerxencias Sanitarias.

Considera que tamén se debe incluír o 060 de información da Administración Xeral do Estado porque está destinado a prestar un servizo público á cidadanía.

“Cremos necesario que o Ministerio leve a cabo unha revisión do Plan Estatal de Numeración para que estes números de interese social non impliquen un custo na factura telefónica das persoas que os utilizan”, afirma.

Lembra o deputado do BNG que o Plan de Numeración aprobado en febreiro de 2021 estabelece o 112 como número de emerxencias por excelencia, que está harmonizado pola UE e no estado español é atendido polas comunidades autónomas Ademais do 112 tamén son gratuítos o 016 de Violencia de Xénero, o 065 de Atención a Persoas Dependentes ou o 024 de Atención a persoas en risco de suicidio.

"Non deberían ter cuesto"

O BNG defende que a gratuidade se estenda aos números mencionados que son empregados pola xente ante situacións de emerxencias. “As persoas non son conscientes de que cando chaman á Garda Civil, á Policía Nacional, aos Bombeiros ou ás Emerxencias Sanitarias iso vai verse reflectido na factura de teléfono. E despois encóntranse cunha factura encarecida. Precisamente pola súa natureza de servizo público non deberían ter custo”.

Comentarios