Rego explica en Ferrol os "beneficios" para a comarca tras o acordo de investidura co PSOE

Rego tamén destacou a medida referida á compensación da débeda da Galiza de forma análoga á que se realiza con outros territorios e o avance no traspaso de competencias pendentes para mellorar o autogoberno.
O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, puxo en valor esta sexta feira os "beneficios" para a comarca de Ferrol que suporán as medidas do acordo de investidura co PSOE, como "os descontos de 75% en usuarios recorrentes da AP-9".

Nun acto en Narón, do que informou a formación nacionalista nun comunicado, o deputado na Cámara baixa sostivo que estas rebaixas vanse notar “de forma importante nos petos da xente a final de mes”, con aforro medio de 285 euros ao mes en usuario frecuentes.

"Non é pouca cousa nun contexto de elevada inflación e que permite un alivio nas economías familiares", sostivo. Neste tema, criticou o PP por banalizar os descontos.

"O PP non ten ningunha lexitimidade para falar da AP-9. Non só nunca nada fixeron para reducir as peaxes cando gobernaron en Madrid, senón que son os responsábeis de que sigamos pagando peaxes até 2048", manifestou para indicar que a "laxa" da AP-9 débese a que o PP "xamais mirou polos intereses do colectivo" e entregouse " a alimentar o negocio dos fondos voitre".

Así mesmo, destacou tamén as medidas contempladas en materia de ferrocarril. "Somos perfectamente conscientes das graves deficiencias na liña de ancho métrico, antiga Feve, que é a que pasa por Narón e por outros concellos da comarca. Unha liña que padece numerosos cortes, cunha infraestrutura obsoleta, cun material rodante vello e que necesita dun plan de modernización integral", sostivo para sinalar que no acordo recóllese esa demanda.

Neste ámbito, Rego subliñou tamén o "inxente traballo realizado" nas Cortes en defensa do ferrocarril de Feve, tendo en conta que "é o único tren existente desde Ferrol até A Mariña e que comunica áreas densamente poboadas e de significativo pulso económico e industrial".

Ademais, en materia de ferrocarril, afirmou que a comarca tamén se verá beneficiada da axilización dos trámites para a execución do baipás de Betanzos, que permitirá a ampliación do Eixo Atlántico ata Ferrol. Tamén puxo en valor a implantación de servizos de proximidade entre A Coruña e Ferrol.

O parlamentario tamén citou a continuidade dos traballos de rexeneración das rías, entre outras medidas como a actualización das pensións conforme ao IPC e a subida das pensións mínimas e das non contributivas.

Condonación da débeda

Ademais, destacou a medida referida á compensación da débeda da Galiza de forma análoga á que se realiza con outros territorios e o avance no traspaso de competencias pendentes para mellorar o autogoberno.

Comentarios