O aínda deputado de Alternativa Galega de Esquerda, David Fernández Calviño, presentou a súa demisión como edil en Toén o pasado mes de setembro, un mes antes de se coñecer que abandonaría tamén o Parlamento galego após aceptar un posto de traballo como investigador en Dinamarca. O seu substituto, Juan Canal Rodríguez, tomou posesión xa como membro da corporación municipal.
A organización frontista ve "unha incongruencia" no comportamento de Anova
Desde o Bloque, exíxenlle que presente a súa demisión e devolva a acta de concelleiro ao entenderen que, como Calviño, foi eleito na listaxe electoral presentada pola organización frontista nas municipais de 2011 e pasou a se integrar como "non adscrito" logo da escisión post-Amio.
Neste senso, desde o BNG coidan que defender "que os escanos son das organizacións e non das persoas" no Parlamento --como manifestaron desde Anova após estourar a crise polo escano de David Calviño-- mais "non nos concellos" é "unha enorme incongruencia", sinalou Ana Pontón.
No entanto, desde Anova aseguran que non é así pois, ao seu xuízo, non estamos perante un caso de "transfuguismo", senón das consecuencias dun proceso de escisión, o que levou á forza liderada por Beiras a abandonar o BNG.