O BNG non poderá preguntar a Feijóo na vindeira sesión plenaria

A decisión adoptada polo PP e PSOE en Xunta de portavoces resulta do acordo entre ambos os dous grupos para reducir as quendas de intervención de BNG e AGE. É a primeira vez que acontece desde que existen as sesións de control ao presidente.

Jorquera foto feijóo
photo_camera [Imaxe BNG]

A vindeira semana o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, non poderá preguntar ao presidente da Xunta de Galiza en sesión plenaria. Así o acordou a Xunta de Portavoces esta terza feira cos votos de PP e PSOE. Aliás, tampouco poderá presentar unha proposición de lei encamiñada a solicitar a cesión da AP-9 para a súa xestión por parte do goberno galego. 

Isto supón un feito inédito ao non ter acontecido en ningunha outra lexislatura desde que se iniciaron os períodos de sesión con preguntas ao presidente.

A limitación dos tempos e quendas de intervención do BNG e AGE devén do acordo adoptado entre PP e PSOE mediante o que executaron un novo reparto dos mesmos en aras, argüíron, de que a reasignación aumentase a participación do Grupo Mixto --creado após as escisións de Carmen Iglesias (IU) e Chelo Martínez (Anova) no seo de AGE. 

O veto ao Bloque supón un feito inédito

Así as cousas, o primeiro prexudicado será o grupo parlamentar do Bloque que denunciou no seu momento ter padecido as consecuencias malia gozar do mesmo número de parlamentares desde o inicio da lexislatura (7). 

A pregunta que Francisco Jorquera enunciaría a Feijóo --sinalou o deputado através da súa conta de Twitter-- inquiría o presidente da Xunta sobre a presenza de candidat@s imputad@s nas listaxes das vindeiras eleccións municipais. Preguntándolle como valora esta situación no partido que preside. 

Aliás, a organización frontista prevía a presentación dunha proposición lexislativa para transferir a xestión da AP-9 a Galiza. 

Jorquera aproveitou a rede social, após saír da xuntan de portavoces, para denunciar que "o PP aplica a lei mordaza no Parlamento". 

Tribunal Constitucional

Neste senso, o voceiro do Bloque avanzou que no caso de a Mesa do Parlamento rexeitar o recurso interposto a este respeito, a formación recorrerá perante o Tribunal Constitucional pois, entenden, que a decisión  vulnera os seus dereitos parlamentares e as súas funcións como deputad@s. 

Pilar Rojo deu a razón a Carme Adán logo de a expulsar da sesión plenaria por defender o regulamento da Cámara

Aliás, en comparecencia de impresa após a Xunta de portavoces, Jorquera sinalou que a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, deu finalmente a razón á deputada do BNG, Carme Adán, en relación coa súa expulsión na última sesión plenaria. Naquela altura, Adán exixiu que, de acordo co estabelecido no regulamento da Cámara, a súa intervención para fixar posición nunha interpelación ao goberno fose desde a tribuna e por un tempo máximo de 10 minutos. Mentres, Rojo a obrigaba a cinguirse a só 3' desde o escano. 

Para @s nacionalistas este feito evidencia a "arbitrariedade" e o "abuso de poder" que exerce a presidenta do lexislativo.

Comentarios