O BNG non acepta que o Estado atrase 6 meses as rebaixas na AP-9

Néstor Rego considera "inaceptábel" que se atrase a rebaixa de peaxes na AP-9 e insta o Goberno español a "rectificar" ou, avirte, chamarán á mobilización social. O PP pediu a comparecencia do ministro Ábalos para que explique o atraso na rebaixa, mentres que o alcalde de Vigo afirmou que non está "a seguir ese tema", pero que "escoitou dicir" que "vai haber rebaixas moi importantes a partir do segundo semestre".
O deputado do BNG, Néstor Rego, en rolda de prensa (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG, Néstor Rego, en rolda de prensa (Foto: Nós Diario)

No BNG consideran"inaceptábel" que se atrase a rebaixa de peaxes na AP-9 e instan o Goberno español a "rectificar". De non facelo, o Bloque chamará á mobilización social para lograr esta medida. Así se pronunciou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, despois de que o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Sergio Vázquez, sinalase que o Goberno traballa para aplicar a rebaixa no primeiro semestre.

Rego non acepta ese prazo, posto que xa "existe partida orzamentaria" para levar a cabo as rebaixas. Ademais, sinala que o Goberno tivo tempo desde a firma do acordo de investidura co BNG, en xaneiro de 2020, no que se comprometía a baixada de prezos das portaxes, para prever as modificacións normativas necesarias.

Rego rexistrou esta quinta feira, 7 de xaneiro, unha iniciativa no Congreso para preguntar ao Ministerio polos motivos polos que non previu en 2020 os cambios legais necesarios para que as rebaixas das peaxes entrasen en vigor o 1 de xaneiro. O deputado pregunta tamén polas previsións do Executivo para empezar a aplicar as medidas previstas no pacto co BNG e que pasaban por descontos a usuarios recorrentes, absorber a suba anual de 1% e a gratuidade Vigo-Redondela.

Tamén sobre a AP-9 moven ficha os deputados galegos do PP no Congreso, que esta quinta feira rexistraron unha solicitude de comparecencia do ministro de Transportes, José Luis Ábalos, para que informe sobre as razóns polas que o 1 de xaneiro subiron as peaxes da AP-9, en lugar de aplicarse os descontos previstos nos orzamentos do Estado .

O delegado do Goberno na Galiza, Javier Losada, reprochou a actitude dos populares afirmando que o Executivo español está a resolver unha decisión do Goberno do PP pola que a AP-9, "que tiña que ser pública e libre de peaxe ten que estar suxeita a peaxe por concesión".

O alcalde de Vigo "non segue o tema" da AP-9

O rexedor vigués, o socialista Abel Caballero, afirmou preguntado polo atraso das rebaixas da AP-9 que non está "a seguir ese tema", e engadiu que "escoitou dicir" que "vai haber rebaixas moi importantes a partir do segundo semestre". "Eu o que pido á autoestrada é que acondicione toda a súa entrada a esta cidade, tena sucia, pintada...".

Ademais, o alcalde cargou contra Rego por pedir no Congreso a paralización das obras do túnel da Porta do Sol para que se estuden alternativas á excavación e así protexer esa zona histórica. O alcalde dixo de Rego que "é deputado pola Coruña", polo que asegurou "que non sabe do que fala" e que está "descualificado para todo" por que é "da UPG, do sector marxista leninista, que son secesionistas e queren separar Galiza de España".
 

Comentarios