O BNG de Marín denuncia un ataque contra a súa sede

A formación afirma que os indicios apuntan a "un ataque procedente dos elementos da dereita máis rancia e españolista".

A sede do BNG atacada en Marín (Foto: EP).
photo_camera A sede do BNG atacada en Marín (Foto: EP).

O BNG de Marín denuncia un ataque contra a súa sede tras descubrir que foran arrincados da fachada a placa co  logo do partido e os carteis colgados do balcón.

A portavoz municipal do BNG en Marín, Lucía Santos Omil, asegurou que o ataque non foi "un acto improvisado".

“Trátase dun intento de limitar a súa acción política e de tentar infundir o medo entre a militancia", engadiu.

O Bloque Nacionalista Galego xa fixo a denuncia correspondente, e lembrou, nun comunicado, que "non é o primeiro ataque que sofre a sede do BNG en Marín".

A formación asegurou, ademais, que nos últimos tempos “tanto este espazo como os domicilios dalgúns membros do partido sufriron este tipo de incidentes”.

A hipótese da “dereita máis rancia e españolista”

Aínda que se descoñece ao autor ou autores do suceso, o BNG afirmou que os indicios apuntan a "un ataque procedente dos elementos da dereita máis rancia e españolista".

A portavoz municipal comentou que o que conseguen este tipo de accións é " reafirmalos nos seus principios".

Por outra banda, insistiu en que "ao contrario de quen pretende calarnos, de forma covarde”, eles e elas continuarán “traballando día a día e sempre dando a cara, de fronte e coa cabeza ben alta".

Comentarios