Sesión de control

BNG e En Marea piden unha comisión de investigación sobre a morte no PAC da Estrada e os recortes en sanidade

Feixóo acúsaos de “manipular” e “facer demagoxia” e escúdase en que os galegos e galegas valoran positivamente a sanidade pública galega.

[Imaxe: Feijóo]

Un estradense de 65 anos de idade, José Manuel B. B, falecía a inicios de agosto cando se atopaba no PAC da Estrada e sen poder recibir asistencia médica ao estar o único médico fóra do centro para atender unha urxencia. Para o BNG e En Marea, unha morte consecuencia dos recortes que o goberno do PP aplica na sanidade pública.

Por iso tanto Ana Pontón, portavoz nacionalista, como Luis Villares, de En Marea, coincidiron nesta sesión de control ao presidente da Xunta en propoñer unha comisión de investigación no Parlamento de Galiza para o sucedido na Estrada mais tamén sobre as consecuencias das políticas de recortes do goberno de Feixóo na sanidade pública.

“Os recortes e privatizacións teñen consecuencias”, denunciou Pontón: “masificación de consultas, precariedade, listas de agarda, 100.000 galegos e galegas que non poden tomar os medicamentos que precisan por non poder pagalos”. Luis Villares cualificou de “inmoral e ilegal” o acontecido no PAC da Estrada e instou o presidente a “rectificar xa  as súas políticas de recortes”.

Mais o presidente non está polo labor. Acusou BNG e En Marea de “manipular” e “facer demagoxia” e desbotou unha comisión no Parlamento porque o caso está xa sendo investigado por Inspección Sanitaria. Feixóo mesmo aludiu os fillos de Pablo Iglesias e Irene Montero para se defender. Así, dirixíndose a Villares, dixo: "Parécelle mal que alguén no seu partido teña máis cerebro que vostede poida poñer en valor a atención aos prematuros na sanidade pública?". 

O PSdeG preguntou sobre a política de residencias públicas, lembrando que hai 12.000 persoas esperando acceder a unha praza en Galiza.

Comentarios