Néstor Rego fai valer na Coruña o labor do BNG no Congreso

O deputado pide un "grupo galego forte" nas Cortes
rego jorquera
photo_camera Néstor Rego e Francisco Jorquera, onte na rolda de prensa.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o portavoz municipal da formación nacionalista na cidade da Coruña, Francisco Jorquera, puxeron onte en valor o traballo realizado polo BNG nos últimos catro anos no Congreso "defendendo os intereses da cidade e da comarca da Coruña".

A bonificación das portaxes da autoestrada AP-9 para persoas usuarias recorrentes, a dragaxe da Ría do Burgo ou a conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña son algúns dos logros durante esta lexislatura do labor do nacionalismo no Congreso para a cidade, expuxo Rego. O deputado nacionalista incidiu na necesidade de contar cun grupo galego "forte" que permita condicionar as políticas do Goberno do Estado e para desbloquear novas cuestións de interese para a Galiza. 

Rego e Jorquera referíronse neste sentido a prioridades da Coruña como a condonación da débeda do porto interior, a cesión do cárcere vello, das vivendas da Sareb, a modernización das infraestruturas ferroviarias e a implantación do tren de proximidade, así como unha AP-9 galega e libre de peaxes.

Así mesmo, o BNG seguirá a traballar pola modernización da rede ferroviaria interna. “Queda moito por facer neste eido como, por exemplo, a conexión ferroviaria entre A Coruña e Lugo e, sobre todo, a implantación de servizos de proximidade ou cercanías nas principais cidades galegas, como é o caso da Coruña e a súa área de influencia”

Pola súa parte, o portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, pon en valor o traballo realizado polo deputado nacionalista durante esta lexislatura. “Foron moitas as iniciativas rexistradas pola frente nacionalista no Congreso que o Goberno do Estado se negou a realizar. Fican cuestións pendentes como a condonación da débeda do porto, a cesión gratuíta ao concello do antigo cárcere ou a transferencia de todos os activos que posúe a SAREB para destinalas a vivenda pública, sobre todo en réxime de aluguer” enumera.

Comentarios