O BNG reclama competencias "plenas" sobre o litoral galego

Pontón lembra os "cero" traspasos do PP na Xunta.
LEI DO LITORAL_BNG_A CORUÑA_7X_2 (1)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou esta cuarta feira a ‘Declaración de A Coruña', a proposición de lei que o nacionalismo levará ao vindeiro pleno do Parlamento para reclamar oficialmente as "competencias plenas para a Galiza en materia de ordenación e xestión do litoral.

"Temos claro que a Galiza debe ter plena capacidade de decisión en materia de costas e litoral e que o noso mar non se pode gobernar deste un despacho en Madrid", indicou Pontón, resaltando que "o mar, a costa e o litoral son elementos fundamentais da economía, a sociedade, a cultura e o territorio do país". O litoral e a costa galega, coa singularidade das rías, teñen unhas características completamente diferentes doutras zonas litorais do Estado. "Dáse o paradoxo de que unha realidade tan diversa réxese por un marco lexislativo e normativo único e centralizado, xestionado desde a capital do Estado e con unha óptica mediterránea", denunciou Pontón.

A líder da oposición urxiu tamén a necesidade de "rachar con 14 anos de gobernos do PP na Xunta marcados pola submisión a Madrid,". Lembrou como "o PP na Xunta nin demandou nin conseguiu ningunha transferencia", o que definiu como "un balance de absoluta incompetencia á hora de incrementar o autogoberno".

Catro competencias

A proposta do BNG solicita catro competencias. A primeira xira ao redor dos plans territoriais de ordenación e uso do litoral, do mar e das praias; a  segunda, sobre a xestión do uso e ocupación do dominio público marítimo terrestre, nomeadamente o outorgamento de autorizacións e concesións de actividades que requiran a captación da auga do mar e o acceso á lámina de auga. 

A terceira competencia pon no centro a regulación e xestión do réxime económico financeiro do dominio público marítimo-terrestre. Finalmente, a cuarta aborda a autorización e execución de infraestruturas na zona litoral da Galiza.

Comentarios