O BNG mantería a súa representación en Madrid, segundo un inquérito

Segunda feira chea de inquéritos. O de sigma 2 para El Mundo confirma o sismo eleitoral: Podemos sería primeira forza.

De acordo con un inquérito de Celeste Tel para eldiario.es, o nacionalismo galego conseguiría, por sexta vez consecutiva, representación no Congreso dos Deputados, ao obter entre 1 e 2 actas e o 0,55 % dos votos emitidos en todo o Estado. Esta percentaxe é inferior á lograda polo Bloque nas xerais de 2011 (0,77%), mais representa un incremento significativo a respeito dos últimos dados deitados polo CIS (0,4%). O BNG neste momento ten dous escanos no Congreso.

Podemos continúa en forma nos inquéritos. É primeira forza, por primeira vez na súa corta historia, nunha proxección para as eleccións xerais realizada por Sigma Dos para El Mundo. Seríao co 28,3% dos sufraxios, mentres que o PP se fai co 26,3% dos votos e o PSOE co 20,1%. A enquisa de Celeste Tel para eldiario.es é pior para os de Pablo Iglesias. Neste inquérito sería primeira forza o PP, co 30,5%, inmediatamente seguidos de PSOE (24,5%) e Podemos (21,6%).

Podemos sería tamén a primeira forza en Catalunya de se realizaren hoxe as xerais, de acordo cun inquérito publicado en El Periódico. Esta proxección rebaixa considerabelmente as espectativas do independentismo e mostra a enorme fragmentación da política catalá: até 8 forzas distintas teñen opción a se sentaren no Congreso dos Deputados. Os resultados serían: Podemos, 22,8% dos votos (10-12 escanos); CiU, 17,3% (10 escanos); ERC, 15,4% (8-9 escanos); Ciutadans, 10,5% (4); PP, 11,8% (6-7); PSC, 11,3 % (5-6); ICV, 5,2% (1-2); CUP 3% (0-1).

Comentarios