BARóMETRO ‘EL DIARIO’

O BNG mantería a representación galega no Congreso

A enquisa, feita após o 24M, outorga entre 1 e 2 parlamentares á fronte nacionalista. O PP sería a forza máis votada mais perdería a maioría absoluta. O PSOE, segundo e Podemos, terceiro.

Congreso deputados español
photo_camera Congreso deputados español

O barómetro de xuño que Celeste-tel elaborou para eldiario.es indica que o BNG mantería a representación galega no Congreso español, ao obter entre 1 e 2 parlamentares -na actualidade posúe 2- na Cámara baixa. A enquisa, realizada após as eleccións municipais do 24M, outorga un 0,67% de intención directa de voto máis simpatía á fronte nacionalista, nunha porcentaxe moi similar a outras sondaxes e inquéritos -como a do CIS-, que tamén apontan a que o BNG mantería presenza no Congreso.

O Partido Popular sería, de se realizar agora unhas eleccións xerais, a forza máis votada. Cun 30,1% dos votos e obtendo entre 134 e 138 deputad@s, uns cincuenta menos dos que posúe na actualidade (186) e ficaría afastado da maioría absoluta. O PSOE sería a segunda forza, cun 27% dos apoios nas urnas e entre 118 e 125 escanos, subindo a respecto dos 110 que ten nestes momentos.

Cun 13,1% dos votos, Podemos entraría no Congreso español con entre 31 e 35 parlamentares. E Ciudadanos obtería de 20 a 22 escanos (10,48% dos sufraxios). A suma de Ciudadanos o PP (134/138) non daría para a maioría absoluta (que esá en 176 escanos).

A quinta formación parlamentar en número de deputad@s sería, segundo a sondaxe, CiU, que obtería entre 10 e 11. Esquerra Repuclicana de Catalunya (ERC) tamérn tería grupo propio na Cámara española, pois tería entre 8 e 9 deputad@s, un incremento considerábel a respecto dos 3 actuais.

Izquierda Unida tería entre 4 e 6 representantes no Congreso, número similar ao que este inquérito concede á esquerda abertzale (Amaiur), que atinxiría 4 ou 5. Compromís obtería 3 e Geroa Bai, 1. A CUP estaría entre 0 e 1 representantes, igual que a coligazón balear ‘Més’.

Comentarios