xoves 21/10/21

O BNG insiste na rebaixa do IVE ás máscaras de protección

O BNG volverá instar ao Goberno español no Congreso que garanta o acceso universal aos medios de protección por unha cuestión de saúde pública
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) anunciou hoxe que volverá levar ao Congreso das Deputadas unha proposta para reducir o Imposto do Valor Engadido (IVE) aplicábel ás máscaras e outros métodos de protección de uso obrigatorio entre a poboación, como xa fixera o pasado mes de maio sen que até o momento obtivese resposta por parte do Executivo estatal. 

Con esta medida, a formación nacionalista busca garantir o acceso e asegurar a saúde das persoas frente a posíbeis contaxios por COVID-19. Neste senso, alertan que coa chegada do novo curso escolar e ante a evolución da situación de emerxencia sanitaria que estamos a padecer, as familias deberán de prover de máscaras os menores en idade escolar antes de saír para os seus respectivos centros educativos.

O BNG sinala que o custo das máscaras nunha familia pode ser moi alto e pode resultar case inasumíbel para familias que precisamente pola COVID-19 ou mesmo xa desde antes da crise, atravesaran unha situación económica delicada. “É por iso necesario que o Goberno español reduza o tipo de IVE sobre estes produtos sanitarios básicos e que, inclusive, se estabeleza a posibilidade de que puidesen ser cubertos pola Seguridade Social, cando menos no caso de persoas con dificultades económicas para poderen asumir a súa adquisición” explicou o deputado Néstor Rego.

comentarios