O BNG exixe "responsabilidades" á Xunta pola xestión no transporte

Bará denuncia unha "enxurrada de ilegalidades".
O deputado do BNG, Luís Bará esta segunda feira en rolda de prensa (Foto: Arxina).
photo_camera O deputado do BNG, Luís Bará en rolda de prensa (Foto: Arxina).

O BNG pedirá ao Goberno galego no vindeiro pleno que renda contas pola “enxurrada” de informes e sentenzas xudiciais que considera que poñen en cuestión a xestión do transporte público na Galiza.

"Que máis ten que pasar para que dimita alguén?", preguntou o viceportavoz da formación nacionalista na ámara galega, Luís Bará, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, onde o PP rexeitou a comparecencia da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.

Bará fixo alusión ao informe do Consello de Contas “claro e contundente” que, dixo, é unha emenda á totalidade á política da Xunta da Galiza dende que se aprobou no 2016 a Lei de medidas urxentes en materia de transportes. Un informe que pon de manifesto que “non hai política de planificación sobre mobilidade, senón parches e improvisación”. 

Sete sentencias

A este informe súmanse as sete sentenzas do TSXG que anulan concesións á empresa Monbús, que chegou a ser adxudicataria de até 47 lotes do transporte. Bará criticou, neste sentido, que tanto a Xunta como a Comisión Galega de Competencia (CGC) "fixesen caso omiso das advertencias feitas no seu día polas empresas afectadas, a CIG ou o propio BNG e que finalmente tivese que ser a xustiza quen resolvese sobre esta cuestión cando hai unha empresa que leva xa moito tempo beneficiándose”.

Após rexeitar o PP a comparecencia da conselleira, o BNG presentará unha interpelación que o viceportavoz xustificou ademais na última sentenza do Tribunal Supremo que ratifica unha previa do TSXG obrigando á CGC a abrir un expediente sancionador a Monbús e Alsa por "se pór de acordo á hora de concorrer nunha posición de dominio aos grandes contratos, que agora se demostra que estaban cociñados”.

O BNG sustenta as súa interpelación tamén nas dilixencias abertas na vía penal por prevaricación contra o director xeral de Mobilidade da Xunta polos contratos de transporte.

Comentarios