O BNG ve "fraude" na nova lexislación sobre os eólicos: "Abre unha porta traseira para burlar a Xustiza"

Ana Pontón insta o presidente Rueda a que se retire a normativa.
Ana Pontón plataformas afectados
photo_camera Reunión con plataformas de afectados polos parques eólicos.

Ana Pontón, reclamou ao presidente da Xunta da Galiza que retire a “fraude legal” que supoñen os cambios normativos que o Goberno galego introduce pola “porta de atrás” na Lei de acompañamento dos orzamentos para 2024 para colocar o país  “aos pés das eléctricas” e que estas executen “con total impunidade o espolio eólico” e con absoluto desprezo ao medio ambiente, ao medio rural e ás persoas que viven e traballan nel.

Logo dunha reunión coas plataformas de afectados e afectadas polas instalacións de polígonos eólicos, a líder nacionalista denunciou que o PP pretende aprobar os cambios no tempo de desconto do mandato, consciente de que vai perder as eleccións galegas, e por iso “está abrindo unha porta traseira para que o lobby eléctrico poida burlar a acción da xustiza” que hoxe está paralizando e suspendendo moitos dos parques porque non cumpren a lei. 

Pontón defendeu a retirada da modificación legal introducida polo PP na lei de aocmpañamento para abrir "un proceso de diálogo co obxectivo de acadar un pacto de país que permita planificar a enerxía eólica", un proceso de diálogo.

Nese proceso o BNG pon riba da mesa un decálogo de medidas que pasan, en primeiro lugar, por ter en conta as necesidades enerxéticas de Galiza,  desenvolver un novo modelo dende o respecto ao medio rural e ao medio ambiente, con participación pública e garantindo que os beneficios quedan na Galiza e especificamente nas zonas de produción. Pontón sumou a isto a necesidade de primar sistemas de xeración de enerxía distribuída e de proximidade; apostar por todas as tecnoloxías e por un mix enerxético fronte ao monocultivo eólico masivo; o desenvolvemento en I+D vinculado co sector e o abaratamento dos prezos da electricidade como zona produtora e excedentaria.

Por último, no ámbito normativo, avogou por desenvolver un novo marco legal que lle dea a Galiza competencias exclusivas á hora de planificar a súa política enerxética. A Lei de medidas fiscais e administrativas dos orzamentos de 2024 formula unha modificación da normativa eólica vixente na Galiza. Porén, os xuristas consultados por Nós Diario cuestionan a súa legalidade e advirten dos incumprimentos da lexislación estatal e comunitaria.

A Lei de medidas fiscais e administrativas do Goberno galego recollida na proposta de orzamentos de 2024, popularmente coñecida como lei de acompañamento dos orzamentos, volve ser o instrumento empregado polo Executivo para mudar determinadas lexislacións que non teñen ningunha relación coas contas públicas. Neste caso, a proposta de modificación afecta máis de 30 textos legais, referidos a cuestións tan diferentes como a caza, a saúde, o urbanismo, a minaría, o patrimonio cultural ou o xogo.

As compañías eléctricas son as grandes favorecidas na Lei de medidas fiscais e administrativas para 2024. Neste proxecto lexislativo a trámite no Parlamento da Galiza recóllense mudanzas referidas á propia consideración dos proxectos eólicos, á súa tramitación e ao seu desenvolvemento. Malia que as reformas son presentadas como unha tentativa de axeitar a normativa galega ao disposto no Regulamento da Unión Europea do Consello de 22 de decembro de 2022, polo que se estabelece un marco para acelerar o despregamento de enerxías renovábeis, os seus obxectivos e alcance son diferentes.

Comentarios