Pontón dá o primeiro paso para optar a un dos "retos máis grandes" da súa vida: ser a próxima presidenta da Xunta

A líder do BNG formaliza a súa candidatura para liderar a papeleta nacionalista nas eleccións galegas: "O cambio é imparábel, o cambio está en marcha e creo que é momento de que fagamos historia e que este país teña por primeira vez unha presidenta coas mans libres, desde a esperanza, a confianza e a certeza de que se acertamos nas decisións de futuro, Galiza ten inmensas potencialidades e necesita poñer en marcha un cambio".
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Europa Press)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, vén de formalizar a súa candidatura para ser elixida pola militancia nacionalista como candidata á presidencia da Xunta en 2024, un dos "retos máis grandes" da súa vida. "Son Ana Pontón, nacín en Chorente (Sarria), son neta de Carmen, filla de Aurita e nai de Icía e quero ser a próxima presidenta da Galiza", proclamou este domingo, arroupada por unha vintena de mulleres do Bloque entre as que se atopaban deputadas no Parlamento como Noa Presas, Montse Prado ou Rosana Pérez e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

Pontón asegurou que quere ser presidenta porque Galiza "merece moito máis" e mostrouse convencida de poder conseguir "unha Galiza en grande" que "mellore a calidade de vida de todos". A líder nacionalista dixo que confía na Galiza, "no seu potencial, na súa capacidade e na súa xente", e tamén sinalou que dá este paso adiante porque quere ter a confianza das mulleres que "queren avanzar en dereitos e igualdade", pero tamén de todos os homes "que queren construír unha Galiza feminista".

A mocidade e os maiores tamén forman parte dos colectivos para os que aspira a ser presidenta. "Quero que a xente nova saiba que hai futuro aquí, que traballaremos para ter unha vida digna, un país no que poidan soñar e facer realidade os seus soños. E a xente maior deste país ten que ser atendida como se merece e ten dereito a pasar a súa vellez con tranquilidade e sabendo que sexan cales sexan os seus ingresos van ter os coidados que necesitan", reflexionou.

Tamén lembrou que aspira a ser a presidenta "orgullosa da súa lingua, da súa cultura" e que apoie aos creadores para xerar "benestar, cohesión social e máis pensamento crítico". Pontón quere pelexar por "un rural vivo, habitado e produtivo", coidando o litoral, o monte, o medio ambiente e loitando "contra a emerxencia climática".

Maior capacidade de decisión

Outro foco púxoo no ámbito científico, cunha Galiza onde a ciencia e a innovación "sexan un motor de desenvolvemento, clave para poder avanzar e enfrontar moitos dos retos como sociedade". Do mesmo modo, outro dos seus obxectivos é avanzar nunha Galiza "con maior capacidade de decisión" para tomar decisións sobre enerxía, portos e aeroportos.

Por todo isto, decidiu dar este paso adiante e presentar a súa candidatura á presidencia da Xunta, "con humildade, pero con toda a forza e toda a convicción de que se pode construír unha Galiza mellor". "Estou convencida de que podemos pór Galiza entre as nacións máis avanzadas do mundo, para mellorar a vida das persoas, porque esa é a razón de ser da política", argumentou.

"Movemento de cambio"

Ana Pontón sente "un profundo movemento de cambio" na Galiza. "O cambio é imparábel, o cambio está en marcha e creo que é momento de que fagamos historia e que este país teña por primeira vez unha presidenta coas mans libres, desde a esperanza, a confianza e a certeza de que se acertamos nas decisións de futuro, Galiza ten inmensas potencialidades e necesita poñer en marcha un cambio", manifestou.

Nesta liña, mostrouse convencida de que Galiza é "un gran país, grande polos seus recursos e o seu potencial" e pediu "non pór límites". Defender os servizos públicos é outra das súas aspiracións, porque, precisou, "non se pode permitir que se siga xogando cos servizos públicos", e instou a pór as persoas "no centro".

"Preséntome para ser presidenta porque quero que Galiza avance, que progrese, porque merecemos máis, porque sei que este é un gran país, que podemos avanzar, pero para iso necesitamos pór en marcha ese cambio galego imparábel, que xa está aquí e que estou convencida de que vai liderar o BNG. Fagamos historia tendo por primeira vez a unha presidenta coas mans libres de calquera tutela de Madrid, deses poderes que queren gobernar sen presentarse ás eleccións e desde logo sen o amor e a confianza da Galiza e da súa xente", concluíu entre aplausos.

25 de novembro, data chave

O Consello Nacional do BNG aprobou este sábado o regulamento para a elección da candidatura á Presidencia da Xunta, un proceso aberto a toda a militancia que culminará o 25 de novembro e que arrinca esta mesma terza feira, día 31, coa apertura do prazo para a recollida de avais.

O calendario aprobado sinala que desde a vindeira terza feira e até o 13 de novembro calquera militante con plenos dereitos de alta na organización poderá participar e presentarse sempre que logre un mínimo de 200 apoios, que deberá presentar no rexistro da sede nacional.

Finalizado ese trámite, será a militancia quen tome a palabra e pronúnciese a través das 26 asembleas comarcais que se van celebrar entre os días 14 e o 19 de novembro, tal e como estabelece o calendario aprobado.

Comentarios