O BNG exixe medidas de apoio para o sector do mar ante a mortaldade do marisco

Rosana Pérez, que interpelará o conselleiro do Mar a próxima cuarta feira, demanda investigación sobre a caída de produción e medidas de promoción económica para mellorar os resultados nas rías galegas.

A deputada do BNG, Rosana Pérez, no pleno do Parlamento (Foto: Nós Diario).
photo_camera A deputada do BNG, Rosana Pérez, no pleno do Parlamento (Foto: Nós Diario).

Ante a perda de peso do sector marisqueiro galego que amosan varios indicadores, como o feito de que os permisos de marisqueo a pé caesen 22% entre 2009 e 2022, de 4.755 a 3.700, ou a redución de produción de berberecho de 69% entre xaneiro e outubro de 2023 con respecto ao mesmo período do ano anterior, o BNG vén de presentar no Parlamento galego unha serie de iniciativas para demandar solucións á Xunta da Galiza.

“Os chamamentos das confrarías e do sector marisqueiro a que a Administración leve a cabo estudos en profundidade sobre o que está a pasar nas rías veñen sendo reiterados desde hai anos e especialmente insistentes nos últimos”, lembrou a deputada nacionalista Rosana Pérez, que interpelará o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, a respecto desta cuestión a próxima cuarta feira.

Neste contexto, Pérez denunciou tanto “o recorte de máis de 25 millóns de euros nos orzamentos de 2024” no programa de Competitividade e mellora da calidade da produción pesqueira e da acuicultura, así como “a baixa execución desta partida en 2023, deixando 53% dos fondos sen empregar”. Un programa que permitiría, sinalou a nacionalista, “realizar intervencións nos bancos marisqueiros”.

Por estes motivos, o BNG exixiu “analizar as causas do deterioro ambiental e da baixada da produtividade das rías galegas”, así como “o control estrito das verteduras aos ríos e ao medio mariño, a recuperación dos bancos marisqueiros, a promoción dos sementeiros, a creación dun seguro público de produción marisqueiras que supla os efectos de eventuais perdas de produción, o control das especies invasoras e o control sanitario do marisco importado”.

Ausencia de regulamento dos encoros e de axudas ao sector

Rosana Pérez lembrou, así mesmo, que o baleirado dos encoros segue sen ser controlado, “implicando baixadas bruscas da salinidade nas rías, arrastre do banco marisqueiro cando se producen en baixamar e perigo para as persoas que están mariscando tanto a pé como a flote, xerando consecuencias nefastas para os bancos marisqueiros e para as propias mariscadoras e mariscadores”, polo que demandou que o Goberno galego desenvolva un regulamento estrito sobre os desaugues nas presas.

Así mesmo, a nacionalista recriminou a ausencia de axudas para boa parte do sector marisqueiro nun momento tan duro para as confrarías ante os “requisitos imposíbeis de cumprir” nos fondos da Unión Europea (UE) e ante a “ausencia de liñas de subvención específicas desde a Administración galega que poidan ter en conta os días traballados en campañas de anos anteriores” para que un maior número de persoas poidan acceder a elas, polo que fixo un chamamento a actuar “para axudar ao numeroso número de familias que están a padecer unha situación económica complicada”.

Revogación da autorización de explotación nas minas de San Finx

Ademais, Rosana Pérez, despois de coñecerse o resultado das investigacións do CSIC que proban a contaminación na conca fluvial da ría de Muros e Noia procedente da mina de San Finx, e ante o risco de que esta chegue a afectar os propios bancos marisqueiros, solicitou unha vez máis “revogar a autorización de verteduras ao río Pesqueira de augas residuais industriais procedentes desta explotación, suspender a actividade mineira, obrigar á empresa a realizar medidas de reparación ambiental e incoar un procedemento sancionador contra a mesma”.

Comentarios