En perigo a campaña de Nadal: a alta mortalidade de bivalvo fai fechar a ría de Pontevedra

O prezo do produto caeu máis do 50%.
Marisco morto arrastrado aos areais. (Foto: Europa Press)
photo_camera Marisco morto arrastrado aos areais. (Foto: Europa Press)

A mortalidade do marisco esténdese polas rías. Logo da morte masiva de bivalvos na ría de Muros e Noia a semana pasada, a ría de Pontevedra acusa un problema semellante e fechará ao marisqueo até o 27 de novembro para agardar a que se recupere o produto, con vistas a salvar a campaña de Nadal. Por outra parte, no fondo da ría de Vigo (Arcade, no concello de Soutomaior, Redondela e Vilaboa) son máis pesimistas: temen perder a campaña estrela do ano. 

Esta morte masiva asóciase inicialmente coas abundantes chuvias e, en consecuencia, coa apertura de presas que provocaron un aumento de auga doce nos bancos marisqueiros. Porén, o certo é que tanto desde confrarías como desde plataformas en defensa das rías levan tempo denunciando unha mingua na produción marisqueira a consecuencia da contaminación das augas.

A situación é crítica para un sector do que dependen moitas familias. De feito, a Confraría de Noia xa anunciou un ERTE que afectará 64 persoas logo da campaña marisqueira "máis curta da historia"

"Unha agonía"

"A verdade é que é un desastre o que temos nos bancos marisqueiros; hai preocupación dos mariscadores porque hai familias que viven disto", lamentou esta quinta feira a patroa maior de Lourizán (Pontevedra), Mari Carmen Vázquez, no que identifica con "unha agonía". 

Vázquez explicou que, ademais da mortalidade, produciuse unha caída do prezo "bestial", de máis do 50%. Por isto, tomaron a decisión de parada até o 27 de novembro para "ver se colle algo de forza" a ameixa e "aproveitar algo na campaña de Nadal". En Arcade, Vilaboa e Redondela non son tan positivos. Os pósitos nunca viran "tanta mercadoría morta" polo que prevén un "futuro complicado", coa campaña natalicia "previsibelmente xa perdida".

Comentarios