O BNG emprenderá accións xudiciais contra o conselleiro de Educación se non retira as súas "inxurias"

Asi o anunciou o portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, após solicitar recurso de amparo á presidenta da Cámara, Pilar Rojo. O Bloque denuncia que Jesús Vázquez acusara aos grupos da oposición e colectivos en defensa do idioma de "apoiar a terroristas".

O Pleno ordinario que acolle o Pazo do Hórreo esta terza feira comezou convulso. Após a publicación dunha entrevista ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, en El País, o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, solicitou á presidencia da Cámara un recurso de amparo. 

Vázquez asegurou na súa conversa coa edición galega do xornal español que os grupos da oposición e colectivos na defensa do idioma non eran democráticos ao non apoiaren o decreto do plurilingüismo e mesmo os acusou de "apoiar a terroristas". 

Para o voceiro do Bloque na Cámara tales aseveracións supoñen unha falta de "respecto" e unha agresión "ao decoro" d@s parlamentares polo que exixiu a "inmediata" rectificación do conselleiro e o apoio da máxima instancia parlamentar aos grupos da oposición. Aliás, anunciou Francisco Jorquera, de non ser así o BNG "emprenderá accións xudiciais" contra Jesús Vázquez polas súas declaracións na imprensa. 

O conselleiro, presente no hemiciclo, declinou pronunciarse a respecto das súas afirmacións

O conselleiro de Educación, presente no Pleno da Cámara, non solicitou a palabra para se pronunciar ao respecto e mesmo abandonou o salón ao comezo do debate parlamentar. 

"Están fóra do sistema democrático os sindicatos do ensino?", inquiriu a deputada do BNG, Ana Pontón, "os traballadores de normalización lingüística, o comité de expertos do Parlamento europeo... son terroristas?", continuou a nacionalista na súa quenda de intervención para defender a toma en consideración da Proposición lexislativa presentada polo Bloque en materia de normalización lingüística. 

"Cal é o seu concepto de democracia? Os principios do movemento?" sinalou Pontón, "quen está fóra da lei é vostede, o seu decreto e a súa política lingüística". "As maiorías", acrecentou a deputada do BNG en relación ás afirmacións vertidas polo conselleiro "non dan patente de corso aos gobernos para pisotearen dereitos" e lembrou ao representante da Xunta en materia de Educación que continuarán pola vía xudicial se non retira as súas acusacións. 

Pilar Rojo rexeita reprobar o deputado que chamou "fea" a Consuelo Martínez
A sesión plenaria que decorre no Parlamento non estivo exenta de tensión. Após o recurso de amparo demandado polo grupo parlamentar do BNG en relación ás acusacións lanzadas polo conselleiro de Educacion, desde a vice-portavocía de AGE, Yolanda Díaz exixiu a reprobación do deputado popular que na anterior sensión insultou á deputada do seu grupo Consuelo Martínez chamándolle "fea".

Yolanda Díaz denunciou o carácter "sexista" do insulto que dixo "contribúe á perpetuación do machismo" 

Martínez foi sancionada por Pilar Rojo e non poderá asistir ao pleno desta semana mais a vice-portavoz do seu grupo exixiu á máxima autoridade da Cámara a reprobación do parlamentar popular. Para Yolanda Díaz estas palabras "conducen á perpetuación do machismo no noso país" e constitúe unha ofensa "sexista" e "machista" que merece o rexeitamento da Cámara galega. 

Pilar Rojo declinou proceder á tramitación da denuncia presentada por AGE e considerou que o debate arredor desta cuestión ficou subsanado na anterior sesión plenaria. No entanto, só a deputada Chelo Martínez foi expulsada da Cámara e sancionada non así o deputado do PP que a insultou cando abandonaba a sala. 

Tamén así, o partido maioritario rexeitou máis unha vez a proposta presentada polo PSdeG-PSOE en que demandou a comparecencia de Feijóo para explicar o financiamento ilegal do PP. A iniciativa contaba co apoio de BNG e AGE.

Comentarios