domingo 24/10/21

O BNG empraza o Goberno español a sancionar Israel por crimes de guerra contra a poboación palestina

O BNG, a través do seu portavoz no Congreso, Néstor Rego, empraza o Goberno español a "despregar todas as medidas posíbeis, desde a expulsión de diplomáticos, sancións ou o apoio ao embargo de produtos israelís, á intervención na ONU reclamando a paz e o respecto das resolucións internacionais".

Nestor Rego, durante a comparecencia [Nós Diario].
Nestor Rego, durante unha comparecencia [Nós Diario].

O BNG anunciou na mañá da sexta feira a presentación dunha batería de iniciativas no Congreso para exixir ao Goberno español unha mudanza de actitude frente á agresión militar israelí contra a Faixa de Gaza e a poboación palestina.

A través do seu deputado, Néstor Rego, a formación nacionalista reclama "unha condena firme do comportamento criminal de Israel" e o cesamento dos bombardeos que, en catro días  causaron máis de cen mortos, entre eles ducias de crianzas palestinas.

Rego carga nunha nota de prensa contra o "silencio cómplice -cando non apoio directo- da comunidade internacional con Israel" nunha nova operación, di, que "continúa o xenocidio e etnocidio que desde 1948 vén practicando coa poboación palestina".

"Estamos non só diante dunha ofensiva militar, senón perante crimes de guerra na medida que son ataques indiscriminados contra poboación civil -incluídas crianzas- e contra servizos básicos como a electricidade ou as comunicacións que teñen pir obxectivo tornar imposíbel a vida na Faixa de Gaza", explica Rego.

O deputado do BNG censura "as recentes declaracións da ministra de Exteriores condenando a autodefensa palestina", ao entender que sitúan este Goberno "do lado do agresor israelí, seguindo submisamente a pauta marcada por Biden e o sionismo internacional". "É unha actitude de complicadade vergoñenta con Israel", salienta.

Entre as propostas que fai o BNG atópase a expulsión de diplomáticos, sancións ou o apoio ao embargo de produtos israelís que desde hai anos reclama BDS, á intervención na ONU reclamando a paz e o respecto das resolucións internacionais.

O deputado do BNG cualifica de "incomprensíbel" que o Goberno español nin sequera condenase o ataque á torre Al-Jawhara, edificio residencial e comercial que albergaba a sede de 13 medios de comunicación e ONG, entre eles da Axencia EFE.

comentarios