A ministra Ribera nega que a eólica mariña afecte a actividade pesqueira e defende uns POEM "garantistas"

"Após un rastrexo moi intenso, e após traballar con outros estados nos que houbo un desenvolvemento de eólica 'offshore', constatouse que non se pode demostrar un efecto negativo", defende Teresa Ribera.
Instalación de eólica mariña de Iberdrola en Escocia (Foto: Europa Press).
photo_camera Instalación de eólica mariña en Escocia de Iberdrola, unha das compañías que aspira a desenvolver esta industria en augas galegas. (Foto: Europa Press)

"Non se pode demostrar" que os aeroxeradores situados no mar afecten a actividade pesqueira. Con esta rotundidade compareceu ante a prensa esta sexta a ministra Teresa Ribera após presidir en Ferrol a inauguración de VI edición do Congreso internacional 'GOinterHUB', organizado por GOE-Asime, Windar Renovables, Navantia Seanergies e a Xunta da Galiza. "Após un rastrexo moi intenso, e após traballar con outros estados nos que houbo un desenvolvemento de eólica offshore, constatouse que non se pode demostrar un efecto negativo", defendeu a titular de Transición Ecolóxica do Goberno español.

"Ao contrario, xa que moitas veces polo tipo de ancoraxe e a distancia dos aeroxeradores o que se produce é unha rexeneración", reivindicou Ribera, que asegurou tamén que os Plans de ordenación do espazo marítimo (POME) "buscan o máximo consenso, e por iso aprobáronse con case dous anos de atraso, integrando todas as preocupacións, todos os datos que se achegaron de pesca, todas as recomendacións, alegacións e observacións da Xunta" e de entes como Patrimonio Histórico, "ademais de incorporar as achegas das confrarías".

Con todo, matizou, "iso non significa que nos poidamos descoidar, e temos moi claro que non é o mesmo o mar do Norte que a costa galega", polo que "hai que estar moi vixiantes para estes primeiros proxectos", subliñou. A ministra apuntou tamén que "sería unha falta de responsabilidade por parte das institucións que non se poida desenvolver este sector, que está prohibido, xa que sería moi difícil a súa xustificación".

Na mesma liña, valorou as "garantías" que ofrecen os POEM: "Hoxe aqueles que ven con gran precaución que pode representar para a súa actividade tradicional o crecemento da enerxía eólica offshore, contan cun sistema moito máis garantista", dixo. "Xa están identificados —incidiu— aqueles sitios onde existe un potencial importante e onde, no resto, non será posíbel".

Unha eólica "respectuosa" con Ferrolterra como "líder"

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, tamén presente nesta inauguración, foi insistente en que na eólica mariña ten que ser "respectuosa co medio ambiente, coa pesca e mesmo coa defensa nacional". Agora, proseguiu, "abre un novo proceso para poder manter a industria, coas posibilidades da instalación de parques mariños". Mato reclamou "o polo de investigación de enerxías renovábeis" nesta cidade.

Na súa quenda, a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, detallou que "no contexto actual é necesario abrir espazos como este para abordar o debate da eólico mariña" e que ademais "na Galiza quérese facelo ben, con diálogo, de maneira sostíbel, buscando o máximo acordo e que a transición sexa xusta, desde o ámbito ambiental e tamén no ámbito pesqueiro, con negociación", onde é necesario "compatibilizar o sector pesqueiro coa xeración da industria".

O alcalde de Fene (Ferrolterra), o nacionalista Juventino Trigo, manifestou que "este encontro sitúa Ferroltera como líder do sector eólico mariño", un sistema enerxético que "logra un sistema respectuoso co medio ambiente".

E Ricardo Domínguez, presidente de Navantia, puxo o foco en que a empresa naval pública "é líder mundial, conxuntamente cos seus colaboradores, na construción de soportes para a eólica mariña, estando agora mesmo en até noventa licitacións", e que desde este empresa queren "exercer como compañía tractora".

Finalmente, o director xeral de Windar Renovables, Orlando Alonso, adiantou que "proximamente se inaugurará a nova planta de fabricación de monopiles XXL" no estaleiro de Fene, nun proxecto conxunto con Navantia.

Comentarios