O BNG denuncia a "expulsión" de doentes das listas de espera estruturais

Comesaña reta os nacionalistas a ir aos tribunais.
As listas de espera no sistema sanitario galego non deixan de incrementarse desde 2018 (Nós Diario).
photo_camera As listas de espera no sistema sanitario galego non deixan de incrementarse desde 2018 (Nós Diario).

O BNG denuncia onte a "opacidade e o escurantismo" do Goberno galego a respecto das listas de espera, afirmando que non comparte os datos completos desas listas.  

A portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento, Montse Prado, emprazou a Consellaría de Sanidade a rematar coa práctica da "expulsión" da lista de espera estrutural "daquelas persoas que rexeitan ir a un centro privado a ser atendidos en probas diagnósticas ou cirurxía". Unha afirmación que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, cualificou como "mentira", retando os nacionalistas a acudir aos tribunais para denuncialo. 

O máis grave, recalcou a deputada do BNG, é a expulsión da lista de espera estrutural de aquelas persoas que rexeitan ir a un centro privado a ser atendidos en probas diagnósticas ou cirurxía

Prado explicou que na actualidade os datos das listas de espera están incompletos, xa que non inclúen todos os procesos ou especialidades, non levan unha conta inmediata das solicitudes polo tempo de espera entre a petición e o rexistro e, "ademais expúlsase da lista de agarda a aquelas persoas que rexeitan ser atendidas nun centro privado".

Para a deputada nacionalista, "non hai transparencia". Comesaña, pola súa parte, reivindicou a eficacia do servizo, sobre todo durante a pandemia. Precisamente a crise de Covid-19, xustificou, obrigou a aprazar probas e intervencións.

Ante isto, a portavoz de Sanidade do BNG lembroulle que as listas teñen unhas cifras de "escándalo", citando 46.553 persoas pendentes de intervencións cirúrxicas, 198.323 pendentes dunha primeira consulta e as máis de 119.000 que están pendentes de que se lles fagan probas diagnósticas

Persoal sanitario na Mariña

Non foi a das listas de agarda a única cuestión que tivo que responder onte o conselleiro en sede parlamentaria. Daniel Castro (BNG) denunciou a falla de persoal sanitario na comarca da Mariña —"nunha vila coma Viveiro de perto de 16 mil habitantes houbo momentos nos que só estaba dispoñíbel un médico"—. Comesaña dixo que esas situacións correxíronse.

Comentarios