O BNG considera “afastado da realidade” o discurso de Felipe VI

O discurso de Noiteboa de Felipe VI non convence ao BNG. Os nacionalistas considérano “afastado das preocupacións da maioría da poboación” e chaman a superar a institución monárquica.

Nestor Rego, durante a comparecencia [Nós Diario].
photo_camera Nestor Rego, durante unha comparecencia no Congreso dos Deputados. [Nós Diario].

O BNG consideran a intervención de Felipe VI como “afastado da realidade e das necesidades sociais”. Asemade, denuncia a súa instrumentación para “apoiar a escalada belicista e a política militarista da OTAN”.

O voceiro nacionalista no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, cualifica a monarquía como “a institución máis deslexitimada do Réxime do 78”. Nesta liña, defínea como “corrupta e anacrónica", e propón "deixar atrás esta institución afastada das preocupacións da inmensa maioría da poboación".

Rego sinala que “o discurso deste ano resulta esclarecedor, particularmente polo tempo que destinou a falar da crise institucional mencionando a división, a ruptura da convivencia e a deslexitimación das institucións do Estado que parece ser a súa principal preocupación” .

“Entendemos que porque lle afecta directamente", continúa Rego, moi crítico coa liña argumental do monarca, na liña da valoración do discurso de Felipe VI efectuado desde as formacións nacionalistas do resto do Estado.

A Constitución como problema

O deputado do BNG destaca que o monarca “dedicou a maior parte do seu discurso para o enxalzamento da Constitución Española. Desa Constitución que está na orixe de moitos problemas das maiorías sociais do Estado español e dos problemas do noso país”.

O dirixente nacionalista lembra “que é esa a carta magna que nega a condición da Galiza como nación e a capacidade para podermos decidir libremente en función dos propios intereses".

Rego lamenta a utilización do discurso para xustificar o aumento do gasto militar e para "apuntarse á escalada belicista que leva promovendo o Goberno español desde o inicio dese conflito".

O voceiro do BNG no Congreso significa que “curiosamente, en ningún momento fixo referencia á necesidade de realizar todos os esforzos posíbeis no ámbito político e diplomático para poñer fin a ese conflito para buscar unha paz definitiva, xusta e duradeira".

Comentarios