Reacción á intervención de Noiteboa de Felipe VI

BNG cualifica de “lavado de cara” o discurso do rei

O Bloque Nacionalista Galego foi a primeira forza política en achegar a súa valoración sobre o tradicional discurso de Noiteboa de Felipe VI. Neste sentido, o voceiro da formación no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, definiuno como “unha operación de maquillaxe e lavado de cara”.

Nestor Rego. (Foto:Nós Diario)
photo_camera Nestor Rego. (Foto:Nós Diario)

Rego criticou a ausencia de referencias aos casos de corrupción e evasión fiscal vinculadas ao rei emérito, Juan Carlos de Borbón, ademais da opacidade por parte doutras institucións do Estado.

“Os casos de corrupción e evasión fiscal”

“Non pode facer apelo ao carácter exemplar que deben ter as institucións de rectitude política e moral sen facer ningunha referencia á corrupción da propia Familia Real, a todos os casos de corrupción e evasión fiscal en que está involucrado Juan Carlos de Borbón”, sinalou Rego.

O voceiro nacionalista insistiu no contexto político da intervención de Felipe VI. Neste liña, considerouno como “crucial” dado que as “novas informacións apuntan a unha posíbel volta do “rei fugado” ao Estado español e mesmo á Zarzuela”.

O deputado nacionalista lamentou, en relación coa Casa Real, que “todos os casos de corrupción en que se ven involucrados se resolvan, non pola vía da investigación senón pola vía da ocultación e a colaboración doutras institucións do Estado que sempre se negan a investigar con profundidade”.

“Baleiro de contido”

Rego non dubidou en cualificar a intervención do monarca como “baleiro de contido para os sectores que atravesan máis dificultades da sociedade galega”. Así, Rego lamentou a ausencia de referencias “ás persoas que están preocupadas polo desemprego e a precariedade”.

“A esa mocidade que ten que emigrar masivamente porque non atopan oportunidades laborais no noso país”, continuou Rego “e tampouco aos traballadores e traballadoras que viven nunha crise permanente no mundo da industria e en risco de perder os seus postos de traballo”.

O voceiro nacionalista denunciou, por último, que “o xefe do Estado non recoñece o carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüe deste Estado”. “Evita recoñecer que Galiza existe como pobo diferenciado, que Galiza é unha nación cunha lingua, cunha cultura, unhas características e con problemas específicos”, remata Rego.

Comentarios