As distintas canles de televisión e emisoras de radio do Estado español veñen de emitir -todas salvo as canles públicas vascas- a tradicional mensaxe de Noiteboa do rei Felipe VI, que neste 2022 continuou na liña adoptada en anteriores ocasións.
"A soberanía e a integridade territorial dos Estados son irrenunciábeis"
Durante 14 minutos, comezou falando da "invasión rusa da Ucraína", que utilizou para trazar un percorrido transversal polas súas implicacións en España, destacando os vínculos coa OTAN e para soltar un aviso a navegantes: "A soberanía e a integridade territorial dos Estados son irrenunciábeis".
Logo, afondou na economía, dedicando unhas palabras "a esas familias que necesitan os poderes públicos para acender a calefacción ou encher o depósito do coche" ante o auxe dos prezos.
Porén, o núcleo do seu discurso foi unha defensa fechada do réxime e da Constitución do 78, facendo un chamamento a "deter a división, o deterioro da convivencia e das institucións".
"Un país e unha sociedade dividida e enfrontada non progresa, porque a división fai máis fráxiles as democracias, mentres que a unión, todo o contrario, as fortalece", engadiu antes de salientar que "a Constitución de 1978 representa a defensa da democracia e unha aposta de futuro e da unidade a través duns valores nos que os españois debemos seguir atopando o progreso".
Por último, instou a que non desapareza "o espíritu da Constitución" e a continuar "todos xuntos, decidindo o noso destino e compartindo obxectivos con confianza", concluíu antes de despedirse nas únicas palabras que pronunciou nas outras linguas do Estado: "Eguberri on, bon nadal, boas festas".