O BNG chama a unha participación “masiva” o 25 de Xullo

Ducias de militantes e simpatizantes participaron en Castroverde nun acto político e de convivio que se enmarca na precampaña do Día da Patria Galega.

bng castroverde
photo_camera Imaxe: Cedida

Reivindicación, convivio e festa combináronse este domingo en Castroverde, onde case 200 militantes, simpatizantes e cargos do BNG reuníronse para participar nun dos actos da precampaña do Día da Patria Galega e que contou coa presenza da viceportavoz parlamentar, Olalla Rodil, e o deputado Xosé Luís Rivas 'Mini'.

Foi precisamente Rivas o responsábel da intervención política por parte da Dirección Nacional,animando a unha participación “masiva” na manifestación do 25X, que espera sexa histórica e se convirta no “pistoletazo de saída” para “abrir un novo tempo político” nas eleccións galegas de 2020.

“É o momento de pasar a páxina deste decenio negro, o momento de abrir un tempo novo de esperanza no futuro, e aquí está a man tendida do BNG para sumar nesa dirección, cun proxecto serio, solvente que ten a cabeza, o corazón e os pés ben chantados neste país”, salientou Rivas ao inicio do acto. O BNG diríxese, indicou, a esa maioría social que quere un cambio real que só o Bloque garante.

O Bloque está a aproveitar os actos de precampaña de celebración do Día da Patria para reforzar a súa estrutura interna, desenvolvendo en paralelo unha proceso de afiliación co obxectivo de incrementar en 500 o número de militantes. Até o 25X organiza máis dun cento de actos, conferencias, mesas de debate, festas, encontros por todo o país,  que da a oportunidade de falar directamente con moitas persoas  e colectivos sociais.

Comentarios