BNG chama a participar nun Día da Patria de rescate de dereitos individuais e colectivos

'Rescata os teus dereitos! En Bloque, podemos!' é o lema da formación nacionalista para este 25 de xullo

“Rescata os teus dereitos! En Bloque, podemos!”. Eis o lema elexido polo BNG para este Día da Patria,e para a campaña que a formación nacionalista poñerá en marcha desde agora e ata o 25 de xullo, centrada en informar e debatir coa sociedade as alternativas do BNG para Galiza e a maioría social. A secretaria de Organización do BNG, Montse Prado, explicou que “o lema ten un dobre significado: fronte aos que propugnan e teñen como único obxectivo rescatar aos poderosos, aos causantes da crise, o BNG ten como prioridade rescatar á maioría social; e fronte a un PP que quere rescatar á banca privada a costa de recortar os servizos públicos, o BNG chama a rescatar os dereitos roubados, e a facelo en Bloque, de xeito colectivo, pois así conseguirémolo”.

A campaña será intensiva, con actos en todo o país, e con intervencións tanto do portavoz nacional, Guillerme Vázquez, como do candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera.

Transformar a indignación en actuación

Montse Prado salientou que “con esta campaña tamén queremos facer un chamamento a transformar a indignación en actuación, a necesidade de organizarse e de actuar”. “E para iso -asegurou- chamamos a esa Galiza que se move en defensa do ensino público, da sanidade público, en contra da estafa das preferentes ou contra a reforma laboral a que se sumen ao proxecto do BNG, no convencemento de que este traballo colectivo terá os seus froitos”.

“Temos que rescatar os nosos dereitos individuais e colectivos”

Frente á crise, soberanía

A campaña do BNG non só busca rescatar os dereitos individuais e senón tamén os colectivos de Galiza como nación. E é que segundo subliñou Montse Prado “estamos nun contexto no que hai unha clara recentralización no Estado español, na que coinciden tanto PSOE como PP, e no que cada vez perdemos máis soberanía en favor de poderes afastados e non democráticos”. Por iso, asegurou que “o BNG reivindica a soberanía para Galiza para poder resolver os nosos problemas, conquistar o futuro e defender a nosa identidade nacional”.

Ademais de animar á participación na manifestación do Día da Patria Galega, que sairá ás 12:00 horas da Alameda o día 25 de xullo, Montse Prado tamén fixo un chamamento a participar nos actos de convívio organizados polo BNG, como o FESTIGAL.

Comentarios