18-F

O BNG busca trasladar a toda Galiza o modelo de xestión de auga de Pontevedra

Luís Bará visitou esta terza feira Pontevedra e Ponteareas para expór as propostas da formación nacionalista en materia de recursos hídricos e forestais.

Vilaverde, Lores e Bará (á dereita), esta terza feira na potabilizadora do Lérez, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vilaverde, Lores e Bará (á dereita), esta terza feira na potabilizadora do Lérez, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

O cabeza de lista do BNG pola circunscrición de Pontevedra, Luís Bará, anunciou esta terza feira que se a formación nacionalista chega a gobernar a Xunta da Galiza trasladará a "excelencia" do modelo "sostíbel" de xestión do ciclo integral da auga de Pontevedra co obxectivo de conseguir que os municipios galegos melloren o seu abastecemento facendo un uso máis “eficiente” e reducindo fugas nas súas redes.

Esta é a proposta electoral do BNG denominada Plan Auga 2030, que tería un investimento anual de 100 millóns de euros para a mellora de todos os sistemas en colaboración con Concellos, Deputacións e Goberno estatal. Tamén contaría cunha cátedra para formar profesionais na nova "cultura" de protección dos recursos.

Bará fixo este anuncio no transcurso dunha visita ás instalacións da planta potabilizadora do río Lérez na que estivo acompañado do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e da concelleira Eva Vilaverde.

O candidato nacionalista defendeu a protección dos recursos hídricos, a racionalización e mellora da eficiencia das infraestruturas de captación e abastecemento "para reducir as perdas por baixo do 10% como Pontevedra"; a dixitalización dos sistemas de abastecemento; a implantación de medidas de eficiencia, aforro e autoconsumo enerxético tanto nas redes de abastecemento como nas de depuración; e un programa experimental de reutilización de augas grises e de reciclaxe de lodos de depuradoras.

O Bloque tamén propón a creación do Consello da Auga para o uso sostíbel deste recurso previsto na lei de 2010 e un plan de aforro e redución do seu consumo, ademais dun plan de investimentos combinando infraestruturas centralizadas en zonas urbanas e pequenas infraestruturas en zonas de rural disperso, con comunidades de augas seguindo o modelo Tomiño-Coxapo, propondo para o saneamento humidais artificiais para pequenos núcleos.

“Sacar rendemento” ao monte

Bará tamén visitou esta terza feira o serradoiro Hermanos Castro en Ponteareas (O Condado), onde amosou o compromiso do BNG para “impulsar pequenas e medianas empresas de transformación” para “sacarlle rendemento ao monte”.

Bará (no centro) visitou esta terza feira o serradoiro Hermanos Castro en Ponteareas (O Condado). (Foto: Nós Diario)
Bará (no centro) visitou esta terza feira o serradoiro Hermanos Castro en Ponteareas (O Condado). (Foto: Nós Diario)

Segundo informou o candidato, o BNG apostará deste a Xunta da Galiza polo “desenvolvemento do sector forestal e a produción de produtos con alto valor engadido”, pondo a empresa Hermanos Castro como exemplo de “todo o potencial que ten o noso sector forestal se se aposta pola transformación en produtos de grande valor engadido, como a madeira termotratada e para a construción, para distintos usos, como madeira estrutural e de revestimentos e fachadas”.

O número un do Bloque por Pontevedra destacou que desde un Goberno galego liderado por Ana Pontón –“como xa se fixo na época do bipartito”–, o BNG fará unha grande aposta polo sector forestal, pola transformación na cadea da madeira e polo apoio a proxectos industriais que aposten pola xeración de produtos con grande valor engadido. Bará apuntou que o modelo xeral que defende o BNG é o “aproveitamento multifuncional do monte: social, ecolóxico e produtivo”.

Comentarios