BNG apoiará os orzamentos de Compostela ao conseguir a incorporación de 31 das súas 40 propostas

"É a opción menos má para Compostela", explica a Sermos Rubén Cela. Os dous votos do BNG no Pleno -o do propio Cela e o de Goretti Sanmartín- son decisivos porque, dada a situación en que se acha o PSOE, completan a maioría absoluta, co voto de calidade do alcalde. O BNG consegue incorporar ás contas 31 das súas 40 propostas.

Goretti Sanmartín e Rubén Cela
photo_camera Goretti Sanmartín e Rubén Cela

Había tres escenarios -prórroga dos orzamentos, moción de confianza e negociación para o apoio do BNG ás contas- e, a xuízo de Rubén Cela, o terceiro era claramente o máis positivo para a cidade.

"A opción menos má para nós é que haxa orzamento e que haxa orzamento canto antes", afirma Rubén Cela en declaracións a Sermos, "porque mesmo aprobando agora o orzamento, as contas non entrarían en vigor até practicamente o mes de abril, levaríamos consumida practicamente unha cuarta parte do ano. Para que un orzamento poda ter un grao de execución aceitábel, non é indiferente cando se aprobe".

Para o BNG, as tres cuestións importantes no proceso de negociación eran "unha, que Santiago teña un orzamento; dúas, que ese orzamento poda estar aprobado canto antes e tres, que ese orzamento sexa o mellor posíbel".

Cela explica que "o que puxo o BNG sobre a mesa" foron perto de 40 propostas para se incorporaren ao proxecto orzamental, achegas que en moitos casos eran demandas de entidades sociais e veciñais.

O proceso de negociación permitiu que "dun xeito total ou parcial" 31 desas propostas fosen aceitadas pola equipa de goberno que lidera Martiño Noriega (Compostela Aberta), o que resultará no apoio da concelleira e do concelleiro do BNG ás contas.

Que conseguiu o BNG?

"Primeiro mellorar sustancialmente as contas en relación coa proposta orixinal. Incorporamos moitas medidas, que van desde mobilidade, meio ambiente, emprego xuvenil, moitas en materia de educación...", di Cela.

Entre as propostas con soporte económico, o portavoz do BNG no concello compostelá sobrancea a inclusión dun Plano de Emprego Xuvenil cunha partida de 350.000 euros. "O fundamental é criar a cultura de que o concello de Compostela tamén ten un papel a xogar no combate contra o desemprego, na activación da economía produtiva, nomeadamente no que ten a ver coa situación de paro en que se achan miles de mozas e de mozos", afirma.

Comentarios