O BNG apela a un 28-M de "ilusión" e "ideas novas"

Sanmartín presentou a candidatura en Santiago.
Ana Pontón arroupou esta cuarta feira Goretti Sanmartín en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón arroupou esta cuarta feira Goretti Sanmartín en Compostela. (Foto: Nós Diario)

"Ilusión, ideas novas e gañas de transformar". Así definiu a portavoz nacional do BNG as condicións coas que a formación nacionalista concorre ás eleccións municipais do vindiero 28 de maio, 28-M. Díxoo en Compostela, no acto de presentación da candidatura do BNG que lidera Goretti Sanmartín. "O 28 de maio esta cidade vai facer historia elixindo a Goretti Sanmartín como a próxima alcaldesa de Santiago, a muller que vai ser capaz de abrir un tempo novo de futuro e de ilusión", proclamou.

A líder nacionalista destacou que a capital da Galiza precisa saír da rutina na que está "porque non pode moverse co piloto automático", ten que recuperar "o pulso e toda a vitalidade no comercio, na cultura, no tecido económico local, na participación cidadá, nas infraestruturas, en servizos públicos". Precisa avanzar cara a "unha cidade sustentábel, igualitaria, feminista", sintetizou.

Neste sentido, Pontón destacou que o nacionalismo ten "proxecto, equipo e liderado" , e que por iso mesmo Santiago vai tr unha alcaldesa "

Será unha alcaldesa, "coas mans libres para defender os intereses de Santiago e da súa xente, que non ten que pedirlle permiso a ninguén para reclamar o que é xusto para a veciñanza,  sen medo a molestar nin a Moncloa nin a San Caetano".

Representación social

Pola súa parte,  Sanmartín agradeceu a representantes de numerosas asociacións que asistiron ao acto, do ámbito veciñal, cultural, ecoloxista, da lingua, do patrimonio e do tecido económico e manifestou que “non é posíbel facer política municipal sen contar coa súa implicación, coa participación dos sectores máis dinámicos do concello”. Máis de 400 persoas encheron a Sala Capitol nun ambiente de ilusión pola transformación que vai supor para Santiago o BNG na Alcaldía.

Fixo referencia a que Santiago “non se pode resignar, porque merece moito máis, merece ilusión, ideas novas e ganas de cambiar as cousas", indicou, “merece unha Corporación que se preocupe polas persoas que aquí viven e residen, para sentir que estamos nunha cidade única, con enormes potencialidades e cun extenso rural que non pode ser seguir a ser discriminado", engadiu na súa intervención.

Apoio ao sector editorial

Antes de asistir á presentación da candidatura do BNG en Compostela, Pontón estivo en Vigo, onde en compaña do candidato nacionalista na cidade, Xabier P. Igrexas, mantivo un encontro co sector editorial.

O Goberno do PP dedica ao libro galego en 2023 un orzamento 58% menos que o que se destinaba en 2009, salientou Pontón. “Estes recortes afectan todas as áreas: edición, ilustración, tradución ou dotación de novidades nos fondos para bibliotecas”, indicou.

Fronte a isto, a propuxo unha serie de actuacións, como un Pacto Social pola Lectura e un Plan de impulso económico para o sector do libro que permita duplicar o investimento actual. A terceira medida pasa por impulsar a relevancia social do libro e da lectura desde os medios de comunicación públicos. E finalmente, a creación do Instituto Rosalía de Castro que "proxecte a lingua, literatura e cultura galegas no exterior".

Comentarios