A Asociación de Editoras pon o foco na diversidade dentro do ámbito literario

Promove un simposio que decorrerá esta quinta feira en Compostela
Posto da AGE nun evento literario, nunha imaxe de arquivo. (Foto: AGE) #editoras #age #literatura #diversidade
photo_camera Posto da AGE nun evento literario, nunha imaxe de arquivo. (Foto: AGE)

A Asociación Galega de Editoras (AGE) promove este quinta feira, 30 de setembro, a xornada "O libro e a lectura", que nesta XVIII edición centrará os discursos e o debate na diversidade dentro do mundo da literatura. Baixo o lema "Libros pola diversidade", haberá relatorios desde puntos de vista moi dispares, desde expertos da ONCE até familias de menores trans, entre outros. 

A entidade, que retransmitirá en streaming para o público en xeral as sesións que terán lugar no auditorio do Consello da Cultura Galega, convidou a presidenta da Asociación de Familias de Menores Trans da Galiza (Arelas), Cristina Palacios; Mónica Santos, representante da Asociación BATA;  e Manuela Rodríguez, directora da colección Makakiños de Kalandraka Editora. 

Tamén terán o seu espazo o docente da USC e escritor Jorge García Marín, que vinculará a inclusión "do diferente" á lectura; a mestra Lucía Gómez, que explicará máis sobre ferramentas de integración como os pictogramas; e Pilar Carballo, pedagoga do Centro de Recursos Educativos da ONCE de Pontevedra. 

Xa na quenda da tarde, os formatos e as coleccións diversas centrarán a mesa na que falarán a secretaria xeral de Educación da Xunta, Dolores Reboredo; Laura R. Herrera, de Hércules de Edicións, que reflexionará sobre a diversidade familiar e a identidade sexual; e Francisco Castro, representante da Editorial Galaxia. 

A conferencia de clausura será a cargo do filósofo, docente e escritor José Miguel Valle. Todos participarán no simposio para fornecer as súas distintas experiencias, ao longo de sesións de análise e reflexións individuais. 

A futura inclusión "do diferente" coa lectura

Cada especialista achegará a súa perspectiva sobre a diversidade no ámbito da literatura no país para intentar chegar a un punto de encontro de como ten que ser o futuro inmediato e máis a longo prazo. 

Para a Asociación de Editoras "trátase dun encontro profesional [difundido na canle de Youtube do colectivo por mor da pandemia] para reflexionar sobre a edición de contidos para a inclusión e a diversidade".

A xornada -na que colaboran o Consello da Cultura Galega e a Xunta- fechará cunha serie de conclusións para o sector da edición tiradas de todas as achegas que se produzan ao longo do día. Estas daranse a coñecer nunha lectura final ás 19.30 horas desta quinta feira a través das palabras do presidente de AGE, Henrique Alvarellos.

Comentarios