O BNG presenta a súa candidatura en Santiago: "Goretti Sanmartín será a primeira alcaldesa"

"Son persoas co corazón en Compostela e capacidade para xestionar os retos dos próximos catro anos e preparar un futuro de ilusión e esperanza", di a candidata á Alcaldía sobre as persoas que integran a súa listaxe.
Candidatura do BNG en Santiago, encabezada por Goretti Sanmartín. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Candidatura do BNG en Santiago, encabezada por Goretti Sanmartín. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acompañou esta segunda feira á que será de novo a candidata nacionalista á Alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, nun acto decorrido á beira da escultura do ex rexedor Ánxel Casal no que presentaron o primeiro tramo da súa listaxe de cara ás vindeiras eleccións municipais.

"É un equipo preparado para gobernar este concello, que lle pon rostro e voz a un proxecto transformador para a cidade", celebrou Pontón, quen afirmou que Sanmartín "será a primeira alcaldesa de Santiago e o BNG obterá un resultado histórico" o 28 de maio. "Son persoas co corazón en Compostela e capacidade para xestionar os retos dos próximos catro anos e preparar un futuro de ilusión e esperanza", engadiu a candidata.

Após Goretti Sanmartín proseguen a candidatura do Bloque Míriam Louzao, Xesús Domínguez, Pilar Lueiro, Manuel César, Iago Lestegás, Saleta Chao, Xavier Castro, Marisa Gil (independente), Alexandre Garrido, Sandra López, Lucía Carreira, Lois Calvelo, Concha de la Fuente e Fernando Lacaci (independente).

As e os candidatos a integrar a corporación da capital galega, precisou Goretti Sanmartín, son persoas "de profesións de especial relevancia nun goberno municipal", desde economistas e avogados até arquitectos ou educadoras sociais. "Persoas con presenza no activismo nos barrios, coñecidas persoas con longa traxectoria no BNG xunto con outras que se incorporaron hai pouco e traen toda a enerxía para participar neste proxecto aberto, e mesmo persoas independentes, que non militan no BNG e queren sumar na defensa deste modelo de facer política municipal", dixo.

A líder nacionalista en Santiago afirmou sentir "un grande orgullo e todo o entusiasmo con esta listaxe". "Se é unha honra representar o BNG no Concello de Santiago, aínda é máis sorte ter o privilexio de encabezar unha candidatura con persoas con ganas de todo, con amor por Compostela, con experiencias profesionais interesantísimas, que dan un paso adiante e deciden comprometerse nun proceso transformador, un grupo plural, aberto e cohesionado, que responde ás necesidades de Compostela e é garantía de futuro", engadiu.

Desde o Bloque ven os comicios de maio como "unha parada no camiño" cara ás eleccións galegas do próximo ano, nas que, afirman, "Ana Pontón rematará coa hexemonía do PP e será a alternativa que Galiza precisa para ter esperanza". Mais, antes diso, "o BNG liderará un goberno na capital de Galiza", celebran.

"Con Goretti Sanmartín temos a mellor candidata e o que se ve é que temos o mellor equipo, un equipo preparado para gobernar, unha candidatura que está pensada para poder poñerse a traballar se os veciños e veciñas de Compostela nos dan a súa confianza o próximo 28 de maio, para  liderar o próximo goberno da cidade de Compostela", precisou Pontón.

"Temos que recuperar Santiago de Compostela para a veciñanza, temos que pensar que modelos e turismo queremos para o futuro, un modelo que ten que ser desestacionalizado e onde aproveitemos todo o potencial e capacidade que hai en Galiza", concluíu.

Comentarios