O BNG de Ames fai un balance positivo do Goberno chegado o ecuador do mandato

De positivo. Así cualificou esta sexta feira o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ames, onde forma parte do Goberno, o ecuador deste mandato "despois de dous anos moi complexos", que permitirán, aseguran, "traballar con optimismo e estabelecer novos retos".
O BNG de Ames ofreceu a rolda de prensa na mañá da sexta feira.
photo_camera O BNG de Ames ofreceu a rolda de prensa na mañá da sexta feira.

O Grupo Municipal do BNG de Ames realizou na mañá da sexta feira un balance dos primeiros dous anos de Goberno municipal. Unha etapa marcada polo escenario aberto a causa da pandemia, que puido afrontarse, salientaron os nacionalistas, encabezados por David Santomil, grazas á “capacidade de traballo e a solvencia dun Goberno estábel e cohesionado que xa contaba coa experiencia acumulada desde o ano 2015”.

Sitúan como unha “boa mostra da capacidade de adaptación á nova situación” a modificación orzamentaria, “para poder afrontar as necesidades máis urxentes e que permitiu dotar ao Concello de Ames do quinto orzamento municipal anual consecutivo que xa se aproxima aos 30 millóns de euros no ano 2021, para unha poboación que supera actualmente os 32.000 habitantes”.

Os servizos sociais e os programadas de conciliación foron obxectivos do Goberno municipal, que tamén contribuíu, defende o BNG, a reactivar a actividade económica con plans como o Reactiva Ames, alén doutros emanados da colaboración institucional. A este respecto, tamén destacaron o novo centro de saúde do Milladoiro e a finalización do novo comedor escolar do CEIP A Maía.

O BNG destacou ademais a “exemplaridade” coa que se realizou esta transición cunha nova Alcaldía e o traballo realizado no ámbito da cultura, mocidade e normalización lingüística.

A reprogramación de actividades, o dinamismo das bibliotecas municipais cos Encontros Literarios ou os Dixicontos, a adaptación da Radio Municipal e a Escola de Música á nova situación e a creación do Consello Sectorial da Cultura como órgano de participación foron algúns dos exemplos expostos polos nacionalistas.

Tamén citaron o impulso á oficina de información xuvenil OMIX, o novo festival SolporSon, a creación de espazos de lecer como os anfiteatros e os parques de calistenia, ou programas específicos de fomento do galego como Youtubeir@s, Galetiktokers, Apego, arte urbana e Trouleando, entre outros.

Entre os retos pendentes salientaron o novo CEIP no Milladoiro, a cociña central en Bertamiráns, o proxecto de reurbanización da Avenida Rosalía de Castro na N-550, a mellora de equipamentos culturais e deportivos, a dotación de infraestruturas no rural, a recuperación ambiental do río Sar e a creación dunha empresa municipal de xestión do ciclo integral da auga.

Comentarios