O BNG proporá a retirada masiva de fondos das institucións de se consumar a venda exprés de NGB

O portavoz nacional da organización frontista advertiu que a súa formación estudará medidas que "dificulten o negocio" de se vender a entidade financeira galega. Aliás, fixo pública a folla de rota que o BNG propón ao goberno da Xunta e demais forzas políticas para evitar a inminente venda de NGB a unha entidade ou fondo estranxeiro. 

Xavier Vence [Imaxe: SG]
photo_camera Xavier Vence [Imaxe: SG]

Xavier Vence anunciou esta segunda feira que o BNG "non pode ficar quedo" perante "o atropelo" que para a organización frontista supón a anunciada venda de NGB. Segundo avanzou o ministro español de Economía, Luís de Guindos, esta mesma terza feira podería iniciarse o proceso de poxa da entidade que ficaría vendida antes de rematar o ano. 

Retirada masiva de fondos

Neste senso, o líder do BNG advertiu que a súa formación "estudará medidas que difulten o negocio" das entidades que poxarán por NGB ás que calificou como "tiburóns" e "piratas". Así, Vence avanzou que poderían instar á "retirada masiva de fondos" por parte das institucións galegas --concellos, deputacións, universidades-- para que "saiban que os galegos queremos unha entidade propia" e que "Galiza non lle entregará  40% dos aforros do país", sinalou. 

@s nacionalistas, que continúan a demandar "información" sobre o proceso de venda de NGB critican con dureza que o proceso de venda de NGB se acelere a respeito do acordo alcanzado coas institucións europeas e que permite o mantemento da entidade até 2017. "Queremos saber que intereses" son os que promoven a súa poxa, indicou Xavier Vence, quen denunciou a "opacidade" coa que se está a desenvolver esta cuestión. 

Unha solución galega para a entidade

No entanto, o portavoz nacional do BNG, considerou que "aínda estamos a tempo" de frear o proceso de venda para o que presentou unha "folla de rota" á que pediu se unan as demais forzas políticas galegas e mesmo a Xunta de Galiza. A proposta do BNG visa paralizar a venda de NGB e abrir un "proceso de diálogo" multilateral entre o Goberno español, a Xunta, as forzas con representación parlamentar e a dirección de NBG coa que, dixo, "procurar unha "solución galega" para a entidade. 

Esta solución, indicou Xavier Vence, pasaría por "garantir a sede e dirección" de NGB en Galiza mais tamén, a actividade da entidade "centrada no crédito á economía produtiva" para garantir o tecido empresarial e crear emprego no país. Aliás, explicou o voceiro nacional da organización frontista, esta negociación debería pular polo "mantemento dos postos de traballo" da entidade e da súa obra social e patrimonio artístico que podería ser vendido como un activo máis coa poxa. 

Así mesmo, concluíu Xavier Vence, a folla de rota defendida polo BNG, inclúe a devolución íntegra dos seus aforros @s [email protected] polas preferentes e subordinadas. 

Unha banca pública

Embora o voceiro nacional do Bloque se amosou "disposto a negociar" unha solución para a entidade, Xavier Vence asegurou que a súa aposta continúa a ser "a creación dunha banca pública galega" demandando ao FROB --accionista maioritario de NGB-- que traspase o control da entidade á Xunta de Galiza. Para @s nacionalistas "a sociedade non pode ficar calada" face un proceso que, di, "acabará coa única entidade financeira propia" coa que conta actualmente a economía galega e insta a "empresarios e institucións" a se posicionar a este respeito, como fixeron, dixo, "a asociación de empresarios do polígono do Tambre". 

Feijóo, un espectador

Xavier Vence criticou con dureza na súa intervención a actitude que está a manter o presidente da Xunta de Galiza fronte a poxa de NGB. Para Vence Feijóo "ou non sabe ou non quere informar" da venda e denunciou que sexa Madrid quen estea a pilotar o proceso. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios