O BNG sinala a Xunta por boicotear a declaración de zonas tensionadas

A deputada nacionalista Alexandra Fernández di que se trata de impedir que se limiten os prezos dos alugueres.

Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

O BNG acusa a Xunta de Galiza de facer “un auténtico boicot” á declaración de zonas tensionadas co obxectivo de que non se limiten os prezos dos alugueres.

A deputada nacionalista Alexandra Fernández salienta o “brutal incremento  de prezos na Galiza, especialmente en ámbitos urbanos e zonas con presión turística”, e critica que  a Xunta “en lugar de intentar pór freo á situación traballa para que non se apliquen os topes dos prezos”.

Ao seu xuízo, “todas as actuacións da Xunta van encamiñadas a pór atrancos á limitación de prezos” e para mostra, “a reforma legal” da Lei da vivenda “pola porta de atrás”, utilizando a Lei de Acompañamento dos Orzamentos 2024.

Nesa reforma, explica a nacionalista, a Xunta intentou eximirse das súas responsabilidades como Administración competente en vivenda desviando a súa responsabilidade na tramitación de áreas tensionadas aos concellos, e  atar ás administracións locais “de pés e mans”, cunha serie de exixencias para que  ningún concello consiga sacar adiante a declaración de zona tensionada. Entre esas esixencias están, por exemplo, a obrigatoriedade de facer unha mesa coa patronal inmobiliaria e contar co seu visto bo.

A Xunta, engade, resérvase a capacidade de tomar a decisión final ou deixar caer a proposta, en base a criterios tan abstractos como “posíbeis efectos negativos” en base ás actas da mesa coa patronal. “Un escándalo” en opinión da nacionalista.

Dende o BNG, recalca a deputada, esiximos “un cambio de actitude da Xunta” e que abandone o permanente  “boicot ás propostas útiles para Galiza”.

O BNG exixe a primeira declaración de áreas tensionadas na Galiza

Neste sentido, Fernandez asegura que a Xunta debe empregar as competencias propias para adecuar a aplicación das áreas tensionadas á nosa realidade urbana polo que solicitamos a elaboración “da primeira declaración de áreas tensionadas de Galiza”, cunha perspectiva global a nivel de país como xa fixo Cataluña.

A intervención sobre os prezos do aluguer, engade Fernandez, debe ir máis alá dos topes de prezos e ir acompañada de políticas de vivenda que contribúan a rebaixar os prezos a través de políticas de : “Actuación sobre a vivenda baleira, a planificación e regulación de usos do parque residencial (VUT),  impulso da vivenda pública e a vivenda protexida e os topes de prezos.

Comentarios