sábado 04/12/21

BNG-AA concorre na Coruña como a candidatura da ‘’ilusión" por construír unha cidade "desde a igualdade’’

O Campo da Leña acolleu a presentación da listaxe do BNG-Asembleas Abertas na cidade herculina nun acto no que estivo o portavoz nacional, Xavier Vence, que a puxo como exemplo para sumar xente para “pasar a páxina do PP”.

Candidatura BNG A Coruña

O BNG-Asembleas Abertas é a candidatura para unha outra Coruña, para uns barrios e unha cidade “desde a igualdade” e “desde o benestar de todas e todos”, a “antítese da podremia do PP” e das súas políticas “para un puñado de privilexiados”. O portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, sinalou na presentación da candidatura no Campo da Leña, en que esta lista é a aposta polo nacionalista e a esquerda, por “un proxecto para A Coruña e para o conxunto do país”, e que suma xente para derrotar o PP e as súas políticas de “recortes” económicos, en dereitos e liberdades.

O cabeza de lista, Xosé M. Carril, acusou o PP de impulsar unha política urbanística en beneficio “duns poucos”, de recortes prestacións e servizos municipais, de protagonizar “a política da caridade” ou as concesións administrativas pensadas no lucro de empresas privadas. Tamén denunciou que o Goberno do PP conduce A Coruña cara un “deserto industrial” e apostou por potenciar os sectores produtivos para crear emprego.

En contraposición, o BNG-AA propón outro tipo de cidade, que simboliza en #TodasAsCoruñas. “Queremos que se coñezan todas as Coruñas para que se viva a nosa cidade desde a igualdade”. Que o Concello, dixo, “sexa un modelo de institución pública ao servizo da Coruña, unha cidade galega e mariñeira, que aposta polos barrios con políticas de emancipación social desde a ética e a responsabilidade do ben común”. Unha proposta recollida nun programa, lembrou, feito con máis de 1.200 achegas e suxerencias da veciñanza.


 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

BNG-AA concorre na Coruña como a candidatura da ‘’ilusión" por construír unha cidade...
comentarios