Esta terza feira (16 de agosto) o BNG presentou as persoas que fan parte da candidatura por Ourense, encabezada por Noa Presas. Na súa intervención, a candidata do Bloque á presidencia da Xunta, Ana Pontón, fixo un chamamento dirixido ás "persoas desencantadas coa vella política de promesas incumpridas e á desencantada dos líos, as loitas de poder, os personalismos e os intereses das cúpulas" ás que tendeu a man para "camiñar xuntas" cara á unha "nova etapa".
Con elas, dixo, "compartimos cansazo mais tamén afirmamos que contamos coa forza e a confianza dun proxecto sólido, solvente e definido coas ideas, alternativas e propostas para saír adiante porque hai futuro para Galiza se tomamos as decisións correctas para un cambio político no noso país", subliñou.
Pontón defendeu o proxecto do BNG como "sólido, solvente e definido" con "ideas" para "saír adiante"
Nese senso, subliñou algunhas das propostas defendidas pola organización frontista de cara ás eleccións de setembro. Un proxecto, dixo, pensado “dende Galiza e non deseñado nun laboratorio nin ao servizo de ningunha forza estatal” baseado no apoio aos sectores produtivos e na posta en marcha de "políticas innovadoras" como a creación dun contrato de sustentabilidade con axudas para as persoas que viven no rural que se comprometan a “conservar e custodiar o territorio".
Aliás, Pontón defendeu un cambio no financiamento que dote a Galiza da autonomía integral invertendo o modelo no que o Estado recada todos os impostos e decide en que se deben investir. Así, asegurou que cos 3 mil millóns de euros que anualmente recada o goberno central "mellorariamos a sanidade e a educación, atenderíamos a dependencia e crearíase emprego para a xente, en troques de seguir financiando institucións caducas como a Casa Real, o Exercito e mesmo a caixa B do Partido popular", afirmou.
Pola súa banda, a cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, asegurou que as eleccións do 25 de setembro "non son unhas eleccións máis" polo que "o nacionalismo debe ser determinante para condicionar cambios profundos". "Non abonda con xestionar ben", remarcou.