O Bloque pide a demisión "inmediata" de Feijóo e Rajoy polo financiamento ilegal do PP

O voceiro nacional da formación, Xavier Vence, afirmou que os papeis de Bárcenas e as investigacións arredor deles evidencian que ''estamos ante un monstro de grandes dimensións''. Tamén o grupo parlamentar de AGE se sumou á petición de demisión do presidente da Xunta

photo_camera [Imaxe: BNG]


O financiamento ilegal do PP e do PPdG confirmados nas investigacións xudiciais que rodean o 'caso Bárcenas' foi o argumento esgrimido esta sexta feira polo voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence, para exixir a demisión dos presidentes dos gobernos galego e español, Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy, e a convocatoria "inmediata" de elección. 

Recordou Vence que a formación conservadora na Galiza tería recibido en 2006 donativos de grandes construtoras que con posterioridade foron adxudicatarias de contratos coa administración. Aliás, nese mesmo ano embolsou case dous millóns de euros en doazóns opacas, dous feitos que veén confirmar, a xuízo do voceiro da formación frontista, "que estamos perante un monstro de enormes dimensións, unha trama de financiamento ilegal que se estendeu no tempo e implicou a empresas e particulares con fortes vínculos coas administracións gobernadas polo Partido Popular". Partindo de que é "imposíbel" que Feijóo e Rajoy non estivesen informados destas fontes de financiamento, "están completamente desacreditados". 

Afirmou Vence que a corrupción no PP "non é algo accidental senón que responde a un esquema de poder para privilexiar a unhas elites" e concluíu que a convocatoria dunhas novas eleccións é "a única vía de saída" para ambos os dous mandatarios.

AGE súmase á petición

Á petición de demisión de Feijóo reiterada esta sexta polo Bloque sumouse tamén AGE. Nun acto realizado na Cidade da Cultura, Xosé Manuel Beiras, voceiro da coligación AGE, sinalou que o goberno da Xunta "está definitivamente deslixitimado" e acrecentou que "se tivesen un mínimo de vergoña o que deberan facer é convocar inmediatamente eleccións" para demostrar, a xuízo de Beiras, "que seguen a contar co apoio do pobo galego, ese que din que falou nas urnas". 

Comentarios