sábado 11.07.2020

O Bloque exixe ao Goberno español respecto pola toponimia galega

Muface e o Ministerio de Política Territorial e Función Pública incumpren a Lei de Normalización Lingüística ao non respectar a forma oficial dos topónimos galegos.

Mobilización pola lingua (Imaxe: GZ Foto)
Mobilización pola lingua (Imaxe: GZ Foto)

Cumprir coa legalidade vixente, marcada na Lei de Normalización Lingüística, é unhas das principais exixencias que o BNG demanda do Estado español no Congreso dos Deputados. O parlamentario nacionalista en Madrid, Néstor Rego, informou este domingo, 26 de xaneiro, da apresentación na Cámara Baixa dunha pregunta escrita para que o Estado dea explicacións polo seu incumprimento da lexislación, xa que non respecta a forma oficial dos topónimos galegos.

A Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado (Muface), organismo autónomo dependente do Ministerio de Política Territorial e Función Pública, vén de renovar recentemente a súa páxina web, facilitando o acceso electrónico a determinados servizos.

Esta entidade, que conta con 52 direccións provinciais e oficinas delegadas de atención ao colectivo, recolle no seu portal os enderezos das súas oficinas, empregando topónimos que non están recollidos conforme á toponimia oficial, como “La Coruña”, en lugar de “A Coruña”, ou “Orense” no canto de “Ourense”.

Recorda o BNG que a toponimia oficial na Galiza foi estabelecida pola Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG 14.07.1983), que no seu artigo 10 sinala “os topónimos terán como única forma oficial a galega”. Aí están as denominacións legais para todos os efectos, "e a rotulación terá que concordar con elas", lembran desde o nacionalismo, ao tempo que tamén sinalan o informe do Comité de Expertos do Consello de Europa que hai unhas semanas dirixiuse ao Estado español para advertilo de que está a incumprir a súas obrigas como asinante da Carta Europea das Linguas e recordoulle que non respecta os dereitos lingüísticos das galegas e galegos.

Ese documento recolle precisamente que o nivel de aplicación da Carta Europea das Linguas na Galiza “non mellorou significativamente desde o último ciclo de seguimento”. Aliás, aponta, os estudos sociolingüísticos mostran unha “diminución do número de falantes” e que “a transmisión de idiomas de pais a fillos xa non está garantida, polo que a proporción de alumnos con coñecemento do galego como lingua tamén caeu de xeito significativo”.

comentarios