xoves 20.02.2020

Billy el Niño, policía acusado de torturas, cobra un plus vitalicio na pensión

O policía acusado de torturador Antonio González Pacheco, Billy el Niño, cobra unha pensión vitalicia aumentada nun 15% debido a unha medalla concedida polo Goberno español en 1977. Billy el Niño foi un dos máis violentos policías franquistas, acusado de malos tratos e torturas a centos de detidos e detidas.
 

Billy el Niño nunha imaxe antiga.
Billy el Niño nunha imaxe antiga.

Segundo vén de revelar a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, González Pacheco goza dese suplemento do 15% na pensión despois de que en 1977 lle fose outorgada unha distinción polo daquela ministro da Gobernación Rodolfo Martín Villa. O actual Ministerio de Interior confirmoulle á asociación que ese incremento segue vixente.

Billy el Niño chegou a ser condenado aínda durante o franquismo por malos tratos ao xornalista Paco Lobatón. Foi en 1974. O ex deputado socialista navarro José Luis Uriz vinculouno co asasinato en 1969 do estudante Enrique Ruano.

En 2013, a xuíza arxentina María Servini ditou orde de busca e captura internacional contra González Pacheco. Acusábao dun delito de torturas contra 13 persoas entre 1971 e 1975. Un ano despois, a Audiencia Nacional española rexeitaba a súa extradición porque, argumentaba o tribunal herdeiro do Tribunal de Orde Pública franquista, eses delitos estaban “ampliamente prescritos”.

O que non parece prescribir son as prebendas adquiridas na transición polo axente, número dous do sinistro comisario Roberto Conesa. A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica denuncia que ese plus do 15% débese a “méritos, que non son outros que ter torturado terribelmente centos de homes e mulleres que se opuñan á ditadura franquista”. Esixe a retirada dese incremento a quen foi “unha máquina de torturar, perseguir e aldraxar persoas que loitaban polo regreso das liberdades”.

comentarios